José Manuel Pérez, alcalde de Melide: «Non pode ser que a saída da autovía paralice o pobo»
MELIDE
O rexedor melidense urxe medidas para minimizar o impacto viario da apertura do tramo da autovía A-54 dende Palas
26 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, vive con preocupación a inminente entrada en servizo do penúltimo tramo da autovía Lugo-Santiago polos prexuízos que poida ocasionar á actividade diaria de veciños e empresas.
—Que razóns obxectivas hai para pensar no colapso viario do que advertiu á administración competente?
—Os vehículos entre o tramo de Palas e de Arzúa están descorrendo cun xiro leve no cruce. O fluxo vai ser o mesmo. Estímase, máis ou menos, en 8.000 vehículos diarios, dos que 800 son vehículos pesados, que, cando veñan de Santiago para coller a autovía en Melide, van ter que facer un xiro de 90 grados para acceder á rolda de Pontevedra. E os que veñen saíndo da autovía para circular en dirección Arzúa teñen que facer outro xiro de 90 grados facendo a rotonda, que minimizaron pero que non soluciona.
—Semella que non prosperou finalmente a súa proposta de que o Ministerio de Transportes pospuxese non a inauguración, pero si a posta en servizo da autovía dende Palas ata o remate do tramo en obras ata Arzúa. Pero sabe se, cando menos, se van desviar os vehículos pesados pola estrada nacional? Foi outra das suxestións que puxo enriba da mesa na reunión que mantivo coa subdelegada do Goberno na Coruña e co responsable da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia?
—Pola información que teño vaise recomendar aos vehículos pesados que sigan vindo pola N-547, e non pola autonómica AC-840. En calquera caso, eu fixera esa segunda proposta, que era que abrise todo xunto, pero parece que iso é o que non vai prosperar. O outro pois non parece que estea lonxe de conseguirse. Eu non quero confrontación, quero chegar a acordos, e que prexudique o menos posible aos veciños e ás veciñas de Melide. Nada máis ca iso.
—Volveron reunirse dende ese primeiro encontro que mantiveron antes de Nadal?
—Non, dende Nadal non houbo ningún tipo de resposta, pero si vamos ter unha reunión o martes que vén, na que estarán o xefe da Demarcación de Estradas, a propia subdelegada do Goberno, e, ademais, responsables de Acciona, que son quen están facendo a autovía.
—Á marxe das medidas que poida adoptar o ministerio, hai algún plan municipal para minimizar o impacto no tráfico rodado?
—Nós non temos. Cos recursos humanos que ten o Concello agora mesmo, cun persoal de sete municipais dos que temos tres, é moi difícil que nós poidamos solucionar un fluxo de 8.000 vehículos. Na reunión que imos ter, diremos que se iluminen os pasos de cebra, e que se garantan as saídas e as entradas das empresas. Quero minimizar no posible o impacto negativo que, sen dúbida, vai ter a saída da autovía.
—Como se vai regular a incorporación dende as rúas á travesía de acceso ao enlace da autovía dende, principalmente, a marxe na que se atopan unha gran superficie comercial e un centro educativo? Porque dende a oposta cabe a posibilidade de chegar ao centro urbano accedendo á estrada nacional a través do campo da feira.
—Dende que saes da autovía, o primeiro que atopas na marxe dereita son tres plantas de formigón, tres plantas de aglomerado e unha canteira. Xusto, no lado oposto, temos unha gasolineira e o campo de fútbol. Continuando, temos o supermercado Gadis, seguindo outro pouco e, na outra marxe, temos o Familia e, ademais, o colexio Mestre Pastor Barral; un pouco máis arriba é a entrada ao centro médico; despois, ao tanatorio, e, xa desembocando no cruce, para maior inri, está a única saída que teñen os taxis. E non só iso. O Camiño Francés atravesa esa vía. Eu iso púxeno en coñecemento deles as veces que me foi posible. Ante este recorrido que acabo de facer dun quilómetro, quero que o día 28 me digan cales van ser as medidas, á parte das que xa vimos, para garantir a seguridade viaria dos peóns, e, por suposto, a actividade das empresas, que teñen que seguir traballando ao ritmo actual. E, xa o indiquei unha vez, preocúpame especialmente que a única saída posible para unha ambulancia dende o centro médico é polo centro, pola rotonda. E, por suposto, os taxistas teñen todo o dereito a traballar, e a única saída que teñen é cara o cruce para coller todas as direccións. Estamos a falar de moitas empresas, e moitos servizos dos cidadáns. E fíxenllelo saber xa bastantes veces. Non pode ser que a saída dunha autovía paralice un pobo. Ademais, cando acaben as obras teñen, evidentemente, que amañar algún dano que causaron.