Sentido adeus a Enrique Broz Rey, un referente do comercio e da coral de Melide

La Voz MELIDE

MELIDE

Foi concelleiro por unha agrupación independente de 1987 a 1991

03 jul 2026 . Actualizado a las 11:39 h.

O Real Madrid perdeu un gran afeccionado en Melide. O equipo e a terra paterna do que foi presidente do club branco no solpor do século pasado, Ramón Mendoza, eran tamén os de Enrique Broz Rey, o coñecido Quico Broz, o querido Quico, que esta semana deixou máis triste e baleira a súa casa. E a súa rúa e á súa vila tamén. Con perdón e permiso dos veciños da rúa de San Pablo, onde residía, pero el era da calle de Ovedo, no casco vello. Alí naceu. Alí se criou e medrou, xunto cos seus tres irmáns. E alí fixo fogar coa súa dona e fillas para seguir adiante co negocio familiar, un histórico e referente do comercio local: Calzados Broz. Con mestría, comandou o relevo á cuarta xeración, satisfeito e orgulloso por ver medrar a centenaria zapatería cun segundo despacho na avenida da Coruña, e o traslado, e renovación, do principal á rúa do Convento.

Mais nunca se foi de todo Quico da rúa de Ovedo, onde mantiña abertas cada día as portas da casa familiar, e onde seguiu botando máis man que a propia dun bo veciño. É xa un recordo colectivo velo pasar ou chegar, se non cantado, asubiando. Inconfundible. Porque se algo lle apaixonaba era iso: cantar. Sábeno ben na coral, da que formou parte dende os seus inicios en 1982, e da que tampouco nunca se despegou. Foi, nos últimos tempos, abandeirado da formación, na que deixou a perpetua pegada de quen foi máis ca un bo tenor.

Madridista si, pero do equipo da casa, coma ninguén. Nos seus tempos mozos, Quico defendeu co número 7 as cores do Cire, ao que tamén acompañou dende as bancadas ata o ascenso a Primeira Futgal a pasada tempada. O seu compromiso con Melide levouno ao consistorio, desde o que se implicou como un dos promotores do primeiro evento de promoción do Xacobeo, a extinta Romaría Internacional. Foi concelleiro de 1987 a 1991, nunha coalición de goberno entre a agrupación independente da que formaba parte e Alianza Popular.

Cun trato sen distincións, Quico, sempre aberto, próximo e conciliador, facía dos seus veciños, amigos. O cariño e o respecto que entre eles se gañou veulle de volta nunha sentida despedida con centos e centos de flores, e con outra tanta xente. Foise coa admiración e o recoñecemento cara a quen lle devolve os golpes á vida cunha lección de dignidade. Sempre animoso tamén, mesmo dixo adeus unha día de festa, a de San Pedro, patrón de Melide, o seu patrón. E aínda que o sol de xuño acompañou, seguro que tería cantado O paraugas do Xosé.