Antonio Fernández Angueira: «Cando se fala da Pascua, todo o mundo pensa en Padrón»

PADRÓN

MERCE ARES

O alcalde de Padrón agarda que a asistencia de público sexa, como mínimo, igual á do ano pasado

31 mar 2018 . Actualizado a las 14:20 h.

Consciente de que a meteoroloxía é un «condicionante importante», o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira (A Ponte, 1975), agarda que a asistencia de público na Pascua sexa, como mínimo, igual á do ano pasado, cando roldou os 180.000 visitantes entre todos os días de festa.

-¿Que destaca do programa?

-Este ano a programación inclúe preto dun cento de actividades musicais, deportivas, feirais, culturais e sociais pensadas para abarcar a todo tipo de públicos. Por destacar algunhas, ademais do pregón da actriz Cristina Castaño, mencionaría a feira cabalar do Domingo de Pascua, que estrea un recinto estable, e actuacións musicais variadas.

- O Concello quere que a festa da Pascua de Padrón sexa a Pascua de Galicia. ¿Ve preto a declaración de Festa de Interese Turístico?

-A solicitude presentarémola unha vez rematadas as festas porque quixemos reforzar o expediente con algúns criterios que incorporamos este ano, tanto coa estrea dunha imaxe corporativa, como no eido da promoción exterior e da organización de espazos. Cando se fala da Pascua, todo o mundo pensa en Padrón.

- A Pascua é un gran escaparate para mostrar Padrón aos que veñan as festas. ¿Que pobo atoparán?

-Espero que as persoas que nos visiten vexan un pobo cunha gran herdanza e riqueza histórica, pero tamén un pobo dinámico e emprendedor e con moitos atractivos culturais, comerciais, gastronómicos, paisaxísticos e turísticos en xeral para volver visitalo ao longo do ano.

-Esta festa está cargada de tradición pero, para moitos, é máis do mesmo. ¿Que marxe hai para renovar o cartel?

-É certo que desde hai décadas as Festas da Pascua manteñen unha estrutura semellante, porque non sería acertado rachar coas tradicións que a converteron nun referente en toda Galicia. Dito isto, cada ano tentamos incorporar pequenos matices para seguir facéndoa máis atractiva e adaptándoa aos novos tempos. Por desgraza, os principais límites que temos son os da dispoñibilidade orzamentaria, pero coido que, se conseguimos a declaración de Festa de Interese Turístico, de cara á vindeira edición poderemos darlle un pulo importante en diferentes aspectos.

Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón FOTO merce ares