O presidente da Fundación Rosalía de Castro reúnese co ministro de Cultura

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

LUCÍA MORENO

Anxo Angueira explicoulle os proxectos e as necesidades da institución cultural de Padrón, entre eles a urxente rehabilitación do Centro de Estudos Rosalianos

05 feb 2025 . Actualizado a las 20:08 h.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, reunise este martes en Madrid co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para falarlle dos proxectos que ten a entidade cultural con sede en Padrón, incluída a reforma do vello edificio do Centro de Estudos Rosalianos (CER), o último inmoble que queda por restaurar do conxunto da Casa-Museo situada en A Matanza. Anxo Angueira sinala que xa había tempo que dende a fundación buscaban a posibilidade de contactar co Ministerio de Cultura, tendo en conta que máis da metade das visitas que recibe a Casa de Rosalía son de fóra de Galicia e mesmo de España, polo que lle trasladou ao ministro que «Rosalía é unha figura relevante ou debe selo tamén para o Goberno español», sinala o presidente da institución padronesa. 

Deste xeito, Angueira explicoulle a Ernest Urtasun que é a fundación, a súa historia e funcionamento pero tamén as necesidades e os obxectivos que ten no horizonte neste novo mandato que acaba de asumir o escritor e académico. Entre eles a rehabilitación do vello edificio do Centro de Estudos Rosalianos, que é o que queda para completar a reforma xeral das instalacións culturais, despois de acometela na Casa, no Xardín, no auditorio e nas dependencias anexas. «É unha obra imprescindible e urxente porque o inmoble está nunha situación de colapso», dixo hoxe Anxo Angueira, quen engade que a fundación precisa dese edificio para «crear novos espazos expositivos» arredor da vida e obra da escritora. 

O presidente da Fundación Rosalía explica que xa contactaron coas administracións galegas que sempre lle prestan apoio, para buscar financiamento para a obra de rehablitación do CER, pero o orzamento estimado da obra é elevado (arredor dun millón de euros) e de aí que decidiran tamén chamar ás portas do Ministerio de Cultura. «Fomos moi ben recibidos e o ministro quedou de vir á Casa de Rosalía para coñecela e saber máis do proxecto da fundación», dixo hoxe Anxo Angueira. Para Angueira, «o ministerio tamén ten que velar polo patrimonio» da Casa de Rosalía xa que, engade «é un ben a conservar por todos, un patrimonio que está no centro da cultura de Galicia, pero tamén de España e fóra do país» xa que, lembra, «é un punto de referencia universal»

Por outra banda, o 23 deste mes conmémorase o Día de Rosalía, data do nacemento da escritora, e a fundación está recibindo numerosas consultas para a celebración co chamado Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Así, a entidade anima a solicitar os manteis individuais para conmemorar a data no local de hostalaría, comedor da escola, da empresa ou de calquera centro social que desexe sumarse á iniciativa.