
Compostela, Padrón, Brión, Rois e Ames, entre outros, celebran á autora con citas culturais e o seu caldo de gloria
24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Santiago e os municipios da súa contorna celebraron onte, máis aló dos actos centrais organizados pola Fundación Rosalía de Castro, o natalicio da autora de «Cantares gallegos». Dende Compostela a Padrón, Rosalía estivo presente nos últimos días, e especialmente onte, na axenda pública. En Santiago foron dúas as ofrendas florais que a lembraron: na zona onde a poetisa nacía en 1837, na praza compostelá de Vigo (entón parte do concello de Conxo, como recordou Juan Lema, bisneto do derradeiro alcalde do extinto municipio) e no Panteón de Galegos Ilustres, mentres o Festival Rosalía, organizado pola Deputación e o Concello, reabría a súa feira pola mañá e organizaba un xogo familiar en torno á súa figura pola tarde.
Padrón tamén a lembraba con flores na súa estatua do Espolón. Foi antes do acto central na Casa Museo de Rosalía. E, pola mañá, unha alborada sacaba á rúa nesta vila os xigantes de Rosalía e Castelao cedidos polo Concello de Rianxo.
O caldo de gloria elaborado coa receita da propia poeta foi protagonista nos actos institucionais, pero tamén en restaurantes da zona. En Santiago ofrecérono medio cento de establecementos, tamén en Padrón, Rois e Brión, entre outros municipios. En Brión celebraron tamén o Café con verso, coa entrega dun poema de Rosalía con cada café nos establecementos adheridos á iniciativa. Ames, ademais das actividades previas destes días organiza para hoxe (19 horas) unha homenaxe poética e musical a Rosalía.