A Fundación Rosalía pon en marcha por primeira vez unha residencia literaria en intercambio con Inglaterra

PADRÓN

Permitirá a un escritor ou escritora en galego traballar nun proxecto creativo durante dúas semanas nese país
31 may 2025 . Actualizado a las 17:40 h.A Fundación Rosalía de Castro de Padrón vén de poñer en marcha por vez primeira unha residencia para escritores en galego en colaboración coa autora británica Fiona Sampson e a Lower Brinsop Writers House, en Hereford (Inglaterra), arredor do poeta metafísico inglés Thomas Traherne e a autora padronesa.
Segundo explican dende a fundación, os obxectivos deste intercambio literario son a promoción da produción literaria galega e a proxección internacional da figura de Rosalía de Castro e da cultura galega en xeral, ademais do intercambio cultural arredor das figuras de Rosalía de Castro e de Thomas Traherne, destacado poeta metafísico inglés do século XVII. A través desta proposta, o/a escritora seleccionada poderá dispor dun espazo axeitado para o cultivo da imaxinación, o pensamento e a creación literaria, así como do intercambio cultural.
Poderá presentarse calquera escritor ou escritora en galego que teña polo menos unha obra publicada. O xurado, nomeado pola Fundación Rosalía de Castro e formado por autores, avaliará as candidaturas en base á traxectoria literaria e á calidade da proposta presentada. O prazo de presentación remata o 15 de xuño.
Así, O/a escritora elixida pasará dúas semanas en Hereford, na Lower Brinsop Writers House, que está a media hora de Hay-on-Wye, onde se celebra o famoso Hay Festival, xusto na fronteira con Gales. Alí, do 10 ao 23 de agosto, traballará no proxecto literario presentado. Do mesmo xeito, a autora británica Fiona Sampson pasará en Padrón o mesmo tempo pulindo a súa vindeira obra, segundo informa a fundación padronesa. Engade que ela é unha destacada poeta británica, biógrafa literaria e escritora. Antiga violinista profesional, ten un doutoramento en filosofía aplicada da linguaxe e actualmente é investigadora sénior no Harris Manchester College da Universidade de Oxford.
A entidade padronesa explica que se trata dun intercambio literario entre os dous lugares marcados pola importancia de dous autores: Rosalía de Castro e Thomas Traherne (1636-1674), un dos máis grandes poetas metafísicos ingleses, coñecido sobre todo polas súas espirituais Centuries of Meditations. Naceu nesta zona e, logo de estudar na Universidade de Oxford, regresou para ser o crego da parroquia de Credenhill, onde ten lugar a residencia.