O xogo documentado dende 1919 logrou o respaldo de moito público
17 ago 2025 . Actualizado a las 05:05 h.O lugar de A Ponte, en Padrón, encheuse de público onte pola tarde para presenciar as cucañas no río Ulla, un xogo documentado dende 1919. Dende un barco fondeado xunto á ponte interprovincial, os participantes tiñan que camiñar sobre un pau untado de sebo para coller a bandeira vermella que estaba ao final do mesmo, antes de caer ou tirarse á auga. Onte tivo que pasar media hora dende que a comisión de festas da Ponte, organizadora da actividade, botou a bomba de inicio ata que un dos participantes colleu a primeira bandeira, o que lle mereceu o aplauso do público. Antes intentárono un bo número de persoas, a maioría mozos e, entre eles, tres mulleres, pero tamén veteranos do lugar que levan anos pisando o pau ao que, antes de untalo de graxa, lle sacaron a cáscara. Entre o público, moitos comentarios de como coller o pau sen caer, pero visto dende fóra sempre é máis fácil. Así, nunha tarde espléndida, este ano foron moitos os que se animaron a participar no xogo e moitísimos os que non se quixeron perdelo, tantos que se encheron as gradas instaladas polo Concello, nas que estaban as autoridades locais, pero tamén a beirarrúa da ponte interprovincial, o entorno do pantalán e mesmo houbo quen o seguiu dende a auga. Incluso había xente nas ventás, tanto do lado de Padrón como de Pontecesures. É que as cucañas de A Ponte gañan máis e máis público cada ano.