
Será este sábado pola tarde, na praza Rodríguez Cobián, coa participación de dezaseis agrupacións de música tradicional
15 oct 2025 . Actualizado a las 17:37 h.A Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón celebra este sábado unha foliada polo seu corenta aniversario. Será na praza Rodríguez Cobián, xunto a Correos, e comezará coa presentación do libro Cantareiras do que é autora Icía Varela, xunto co seu pai. Tamén haberá un obradoiro de pandeireta impartido pola autora, antes de dar comezo, sobre as seis e media da tarde, a actuación dos dezaseis grupos folclóricos que participarán no evento. Son as Cantareiras das Amas de Casa de Rois; a propia Asociación Rosalía de Castro; Pandereteiras de Ermedelo-Rois; As Atrevidas de Monte-Baña; Repeniqueiras de Urdilde-Rois; Asociación Folkória O Pedrón, de Padrón; EM de Pandeireta de Brión; AC San Pedro de Carcacía, de Padrón; AC Nós de Sobradelo, de Vilagarcía; AC Arreixeira, de Padrón; AC Pedra da Aroña, de Escarabote; Os Garuleiros de Negreira; OCT Chorima de Rois; AC Xacarandaina da Coruña; AC O Manexo de Oleiros e AC Mar de Arousa de Bamio.
Unha vez rematada a súa actuación, haberá foliada libre polo que dende a organización chaman a levar un instrumento tradicional, para participar da actividade. Ademais, durante toda a tarde haberá un sorteo de produtos dos comercios locais, que colaboran coa foliada da Asociación Rosalía de Castro, así como Concello, que facilita a celebración do evento. A entidade agradece a colaboración tanto dos comercios como do Concello.