Adeus Sofía, a xefa da Marquesa

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez OBITUARIO

PADRÓN

Sofía nunha foto do verán pasado.
Sofía nunha foto do verán pasado.

A rianxeira Sofía Suárez Rey faleceu este sábado, o día despois de cumprir os 93 anos

04 may 2026 . Actualizado a las 05:05 h.

Morreu Sofía e non é calquera cousa. Sofía Suárez Rey era a matriarca das matriarcas. A que dispoñía todo cando había defunto na aldea, coa que se acordaba cando sementar ou facer a matanza, por aquilo de optimizar os recursos; á que se acudía cando alguén enfermaba e había que poñer unha inxección. Era a xefa, a xefa da Marquesa. Ben podería ter herdado o cargo tendo en conta que o seu pai, o señor José, era o presidente. Pero non, ela gañou o título por méritos propios. Na dos Brisos eran moitos e tiña irmáns que poderían ter quedado co posto, pero gañouno ela co seu carácter de muller seria e afouta. Aínda que era en realidade un cacho de pan que nos daba galletas e facía filloas para todos. Que mercaba peixe para alimentar as camadas de gatos que se reproducían baixo os seus coidados, e de cando en vez rogaba con algún porque non daba feito con tanto animal. Nós trouxemos para a nosa casa á pequena Amelia, era peludiña e bonitiña, unha santa de gata. Durounos menos do que tería durado na casa de Sofía.

Sofía era unha desas persoas que aos ollos dun cativo tiña unha idade indefinida. Dá igual cantas décadas pasaran dende aquelas tardes dos anos 80 e 90 nas que corriamos pola aldea, iamos ao Outeiro despois de merendar e pasabamos por diante da dos Brisos. Ou das mañás nas que nos espertaba entrando na casa dos avós a grito pelado chamando por Carmen, porque daquela había timbre na casa, pero non se usaba. Dá igual canto tempo pasara, parecía que sempre estaba igual, coma se os anos non pasaran por ela.

E si que pasaron, si. Pasaron 93, que cumpriu xustamente na véspera da súa morte. A súa marcha encheunos de pena a todos na Marquesa, porque ata hai dous días, literalmente, Sofía era a de sempre, a muller forte e segura de que facer en calquera circunstancia. Seguía a ir a diario andando ata a Atalaia a buscar o xornal, os mércores non perdoaba a viaxe a Rianxo para ir ao mercado e facer compras, e seguía sendo unha fiel visitante do Espolón de Padrón cada domingo. Non esperabamos que te foras tan logo. Adeus xefa.