Escolares de Urdilde, en Rois, participan nunha actividade con cadelas de intervención asistida

ROIS

cedida

Centrouse na tenencia responsable de animais e en contra do abandono

07 abr 2022 . Actualizado a las 18:46 h.

O Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Pumar, na parroquia de Urdilde do concello de Rois, acolleu unha actividade para fomentar a tenencia responsable de animais e o rexeitamento do abandono. Para iso contou coa presenza de dous membros da entidade Cocan, con sede en Vilagarcía e Vigo e que se dedica á educación e intervención asistida con animais, incluída unha parte centrada na terapia.

Para a actividade, Cocan contou con tres cadelas, dúas delas, Nanuk e Everest, criadas en boas condicións e unha terceira, Area, cunha vida peor e en proceso de recuperación emocional. A través de xogos e de imaxes para crear un entorno favorable, Cristina Rial e Maite Macazaga de Cocan ensináronlle aos escolares cómo era o comportamento dos dous animais "sen carga na mochila" e da outra que tivo "un pasado máis complicado", de xeito que falaron de que pasa cun can cando é abandonado, a onde vai e que proceso vive. 

Conta Cristina Rial que no colexio de Pumar a actividade foi máis fácil porque os escolares "xa sabían un montón de cousas sobre a tenencia responsable e están moi concienciados en contra o abandono". É así porque o último curso do ciclo de Eduación Infantil, coa súa mestra Marta Bravo, puxo en marcha un proxecto educativo sobre cans e gatos e, en concreto, sobre o abandono e as adopcións, de modo que mesmo lle deu visibilidade ao tema e colgou no peche do recinto escolar a foto de gatos e cans que se poden adoptar. 

Á actividade con Cocan asistiron, ademais, o resto dos cursos de Educación Infantil e tamén o primeiro de Primaria.