O campo de voluntariado do Castro Lupario, en Rois, descubre novos fragmentos de cerámica castrexa

ROIS

CEDIDA

No campamento participan trece mozos de Galicia, do resto de España, de Francia e Italia

09 ago 2024 . Actualizado a las 17:24 h.

Trece mozos procedentes de Galicia, do resto de España, de Francia e Italia, con idades comprendidas entre os 18 e 26 anos, que estudan e traballan en campos tan diferentes como a sanidade ou as enerxías renovables, participan dende o pasado día 5 de agosto no campo de voluntariado internacional que se está a desenvolver no Castro Lupario, en Rois.

Esta mañá, o alcalde Ramón Tojo e a delegada da Xunta na provincia de A Coruña, Belén do Campo, subiron ata o xacemento para coñecer de primeira man os traballos, así como a experiencia das trece persoas mozas que, a diferenza de edicións anteriores, moitas están tamén vencelladas á historia e á arqueoloxía.

 Así, nos traballos destes días foron descubertos arredor de medio cento de fragmentos de cerámica, datados entre a época castrexa e a Alta Idade Media, e un brochiño de bronce. Ademais de limpar a muralla do castro para que os visitantes poidan circundala, nestes días o voluntariado tivo a ocasión de debuxar os petróglifos próximos ao castro, facer peches de cana e barro ou experimentar con pigmentos de cor extraídos directamente da natureza.

O roisense Martín Rivas, director da intervención arqueolóxica, apunta á divulgación patrimonial como principal obxectivo da iniciativa do campamento internacional. Sinala que, por primeira vez, as pequenas sondaxes arqueolóxicas que se están a realizar quedarán documentadas con informes. Neles recollerase o achado dese medio cento de fragmentos de cerámica e do pequeno broche de bronce, pertencentes ao período que abrangue dende a época castrexa á altomedieval, que contribúen a dilucidar o tempo no que o castro estivo habitado.

Martín Rivas incide no gran potencial do Castro Lupario por estar localizado a carón do Camiño de Santiago e o seu carácter lendario como lugar de residencia da raíña Lupa, unha característica que refrenda a bibliografía medieval en obras como o Códice Calixtino.

O campo internacional remata o 14 de agosto e combina excursións para coñecer o entorno, ademais de actividades lúdicas e culturais. Así, na noite deste venres, o Xardín do Recordo no Faramello acollerá unha festa intercultural na que voluntariado e todas aquelas persoas que o desexen poderán desfrutar dunha queimada teatralizada.

Tamén pudieron gozar xa da praia fluvial de Seira e do mercadiño de Padrón, así como aproveitarán esta fin de semana para visitar Santiago e achegarse a outros castros, como o de Neixón, en Boiro; o da Cidá, en Ribeira; ou o de Baroña. O programa do campo, dirixido por Pilar Lago, complétase con chapuzóns na piscina, actividades de aventura como caiac, tiro con arco ou láser tag, ou veladas nocturnas con xogos e xincanas.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu  hoxe o labor dos voluntarios e agasallou a cada un deles cunha medalla do Concello, recordando que un bo número de participantes de pasadas edicións do campo seguen mantendo os vínculos co municipio, ademais de exercer como embaixadores do seu patrimonio cultural e natural.