
Educa pola igualdade, sostibilidade e innovación con múltiples proxectos
25 abr 2025 . Actualizado a las 19:37 h.Alumnos de Infantil celebraron o aniversario participando nunha cata de queixos
O Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe de Pumar-Urdilde, no concello de Rois, está coa celebración do seu 50 aniversario. Cumpre medio século de actividade e faino con moi boa saúde educativa, de modo que «aposta pola innovación, a igualdade e a sostibilidade con múltiples proxectos ao longo do curso escolar», segundo a dirección do colexio.
Deste xeito, o centro destaca o seu compromiso coa educación integral do alumnado a través da participación activa en numerosos programas de innovación, igualdade, sostibilidade e inclusión educativa. Entre as principais iniciativas, a dirección do colexio destaca o proxecto UrdiIgualdade, un eixo transversal que promove valores de igualdade, respecto e convivencia a través de accións de colaboración coa comunidade educativa, co apoio de asociacións locais e do Concello de Rois.
O centro participa tamén nos programas da Xunta, como Meteoescolas, co que foi premiado este curso polo seu traballo, así como nos proxectos de innovación educativa Innova-Lab. Este inclué unha parte centrada en reforzar a competencia matemática a través da relación co medio rural e as ciencias. Dentro deste proxecto, destaca a actividade Ruralematízate, a vaquiña polo que vale, na que o alumnado aprende sobre a vida nas granxas, o coidado dos animais e os procesos de transformación do leite en queixo e iogur, con actividades como catas de queixos e elaboracións artesanais guiadas por persoas da contorna. Dentro deste programa hai outra parte que busca concienciar sobre o cambio climático e, entre as actividades, destaca o vermecomposteiro para a reciclaxe de residuos e a creación dunha horta onde se plantan hortalizas e flores aproveitando o compost. Tamén promove a actividade física, o fomento da lectura e participa noutro programa polo que se beneficia do reparto de froita e leite, promovendo hábitos alimentarios saudables.