«A velutina xa acabou coas abellas que se conservaban en Santiago»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O técnico da Asociación Galega de Apicultura defende as solucións que dá a «I+D caseira» contra a avespa invasora asiática

15 ago 2017 . Actualizado a las 22:18 h.

«Estes días estamos vendo ás nosas abellas, que están protexidas polo pastor eléctrico contra as velutinas, como están carrexando abundante pole amarelo moi pálido (millo) que permitirá despois da correspondente fermentación láctica criar abundantes abellas para pasar o inverno e arrincar na vindeira primavera da mellor maneira». Así finaliza a primeira entrega do Observatorio apícola, que comezou a difundir onte Xesús Asorey a través da Asociación Galega de Apicultura. Pertence ao equipo técnico desta entidade, onde traballa hai catro décadas. Xa en 1982 era un recoñecido especialista e por iso Isaac Díaz Pardo lle encomendou a presentación do clásico estudo de Benigno Ledo, para a nova reedición que promoveu naquela altura o reconstituído Seminario de Estudos Galegos.

-¿Ten hoxe proveito aquel «Curso práctico de apicultura» de Benigno Ledo?

-Ten. Foi moi importante para o desenvolvemento da apicultura galega, o que xustifica que o autor teña unha rúa dedicada no campus de Lugo da USC. Aínda que desde que foi publicado, na primeira metade do século pasado, houbo moitas mudanzas.

-¿Que mudanzas?

-Sobre todo na sanidade apícola. O que máis mudou foron os factores ambientais, para peor, e as abellas sofren as consecuencias. Nos tempos de Benigno Ledo non había a varroa, nin a loque, nin os produtos que causan a desaparición das abellas...

-Nin velutina.

-Certo; é outra especie invasora. Antes foi a varroa, na década de 1980; e máis recente a velutina, é unha consecuencia da globalización e do cambio climático. Antes da velutina, desde 1994 outro problema serio foron os pesticidas neurotóxicos que se utilizan na agricultura e que provocan a desaparición das abellas, unha situación que comezou a mellorar no ano 2013, aínda que é preciso que se prohiban en invernadoiros e noutras circunstancias en que se poden seguir utilizando.

-Agora as abellas conviven coa varroa, polos tratamentos que hai, ¿convivirán coa velutina?

-Son dous problemas que teñen a súa orixe en Asia. A diferenza principal é que a varroa estaba dentro da colmea, non se vía; porén, a velutina é espectacular, porque se ve como leva as abellas diante das colmeas.

-¿Por que é tan difícil de combater?

-Porque as velutinas teñen un desenvolvemento como bólidos, e a resposta que lle a Administración ao problema é en carro de vacas, moi lenta. Os principais avances viñeron do que eu chamo a I+D caseira, as solucións que están a dar os produtores.

-¿Son solucións eficientes?

-Si que o son. Temos os chamados pastores eléctricos, segundo unha idea francesa que se desenvolveu aquí, que é un sistema que queima e destrúe a velutina e non prexudica as abellas. Acontece que as velutinas deben memorizar ese perigo e deixan de ir ás colmeas onde está instalado. Cada vez é máis usado, e con éxito. Eu tamén o puxen e solucionei o problema nas miñas colmeas.

-¿Como é que veñen para as cidades esas avespas asiáticas?

-Por causa do abandono do campo: non teñen comida e veñen por iso para as cidades.

-¿Hai velutina en Compostela?

-Si, a velutina xa acabou coas abellas que se conservaban en Santiago: as que había no Museo do Pobo Galego, no instituto Rosalía, no centro de investigacións científicas, os enxames do casco histórico... Antes, nos xardíns de Fonseca e outros da cidade era fácil ver abellas, agora o que se ve son velutinas.

Xesús Asorey. Técnico da Asociación Galega de Apicultura, traballa neste ámbito desde 1980.

A avespa asiática velutina. É fácil de distinguir, polo seu tórax e o seu abdome de cor negra, exceptuando o cuarto segmento, de cor amarela. Pode atacar as persoas se se sente ameazada.