Aparece o cartel da Expo de 1909

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

Obra do pintor ferrolán Máximo Ramos, apareceu nun faiado da Coruña

22 abr 2018 . Actualizado a las 11:07 h.

A pasada semana recibín unha chamada dun particular -que prefire gardar o seu anonimato- para anunciarme que atopara, nun faiado da súa familia, na Coruña, nada máis e nada menos que o cartel orixinal anunciador da moi célebre Exposición Rexional Galega que se celebrou en Santiago de Compostela en 1909. El sabía que eu comisariara, en 2009, unha exposición e preparara un libro (Santiago, 1909) arredor daquel evento único, e quixo facerme partícipe dese achado.

Pasoume axiña a fotografía que hoxe traio ás nosas Fotohistorias. A dun cartel que mide dous metros e medio de alto por un metro de ancho. Consérvase enmarcado e nun estado aparentemente moi bo. Eu coñecía o cartel, na reprodución que aparecera publicada na contraportada do número 7 da revista Vida Gallega, pero non imaxinaba que puidera conservarse a peza orixinal. Toda unha xoia pictórica da historia recente de Santiago e de Galicia.

O autor do cartel é o pintor e debuxante Máximo Ramos López, natural de Ferrol, onde nacera en 1880; falecería en Madrid en 1949 (recollo os datos de “Galicia Ártabra”). Firma como M. Ramos, e esta obra recibiu o primeiro premio do concurso ao mellor cartel anunciador da Expo. Hai que dicir que esta Exposición Rexional tiña logo outro cartel, o chamémoslle oficial, firmado polo célebre paisaxista coruñés Francisco Lloréns, pero o de Ramos conseguira o recoñecemento no concurso convocado a tal efecto. Ramos sería un pintor esquecido, autor dunha notable obra (entre ela, un inspirado retrato de Rosalía de Castro) que hoxe si lembra, non obstante, e cada ano dende hai 25, a cidade de Ferrol, que convoca o Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.

O seu cartel da Expo está elaborado baixo a influencia das correntes estéticas da época. O cartelismo do que se dera en chamar Art Nouveau ou estilo moderno de finais do XIX ata inicios do XX. A cor azul da bandeira galega ou a vermella da cruz de Santiago presiden o primeiro impacto visual (1909 era Ano Santo), cun Apóstolo ecuestre, batallador, neste caso sen cor, detrás do elemento tradicional: a muller co traxe galego e o ramiño de rosas no peito. Lembremos tamén que a Expo se inaugurou o 24 de xullo, inicio das Festas do Apóstolo. Todo isto recolle o enorme cartel de Máximo Ramos.

Aquela Expo de 1909 fora para esta cidade un acontecemento sen precedentes, con máis de 600 instalacións e visitada por máis de 53.000 persoas (o dobre da poboación de Compostela naquel intre). Séguenos a falar hoxe, máis dun século despois, desta volta coa aparición desta obra cartelística que ben podería ocupar un lugar destacado nos nosos mellores museos de arte moderno.