Árbores na Praza dos Literarios

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

A Quintana chamouse así ata mediados do século XX

03 jun 2018 . Actualizado a las 20:04 h.

Foi un cemiterio, Quintana dos Mortos, situado tralo templo, coma todos os camposantos nosos. E aquí o temos, a comezos do século XX, con árbores aflorando entre o solo de pedra, nesta fermosa postal comercializada arredor de 1908. Estes días celébrase, nesta praza, unha das máis abraiantes de Europa, a SELIC ou Semana do Libro de Compostela, e faino nun lugar cheo de referencias literarias.

Un século antes desta imaxe, nun mes de xuño coma este, de aquí partiu o xa mítico Batallón Literario: varios centos de estudantes da Universidade de Santiago que se mobilizaron contra a invasión francesa. Saíron desta Quintana camiño da vitoria, e da morte tamén. Xuraron sobre unha bandeira que levaba as cores azul e branca de Galicia e o escudo do antigo Reino, bandeira que hoxe se conserva na Facultade de Dereito, onde preside a súa Sala de Xuntas. O muro leste da praza lembra ben claro este feito. En 1846 volveríase formar aquel Batallón Literario, desta volta para defender a Revolución de 1846, a de Faraldo, a de Solís... a dos mártires de Carral.

Por todo isto, a nosa Quintana de hoxe ten outro nome histórico, foi bautizada como Praza dos Literarios. Así aparece en todo o século XIX, e no XX (franquismo incluído) ata a propia década dos setenta, onde, nas propias guías turísticas, noméase aínda como «Plaza de los Literarios o de la Quintana».

Non é esta a única referencia «literaria» ou libresca deste pétreo cadrado único. Nos baixos da Casa da Parra abriu en 1836 a súa moderna imprenta José Núñez Castaño. Ese mesmo ano publica aquí o coñecido como o «Diálogo da Alameda», un dos primeiros textos impresos en galego do século XIX. Ese «Diálogo», enmarcado no conflito entre carlistas e liberais, que empeza así: «Vaya, vaya, que non che pensei que viñesedes oxe á Vila!». A imprenta de Núñez Castaño (tal e como ten estudado o filólogo Xurxo Martínez), foi a máis activa e avanzada daqueles días, un impresor liberal responsable tamén das primeiras litografías, firmadas por Ramón Gil Rey.

Todo isto, na Praza dos Literarios. E aínda hai máis. Só temos que ollar as 24 esculturas que embelecen, ao oeste, a Porta Santa. Colocadas nese lugar a mediados do século XVII, procederían do desaparecido coro pétreo medieval atribuído ao mestre Mateo. Se nos fixamos, o símbolo que portan nas mans moitos destes anciáns non é outro que un libro aberto, o libro do coñecemento e do saber, que mostran ante nós para transmitir, por riba dos séculos, o seu contido escrito sobre pedra.

Que viva a Praza dos Literarios! Con árbores ou sen elas, pero con libros, sempre!.