Ana Isabel Rodríguez, decana de Ciencias da Comunicación da USC: «Renovamos moito as nosas titulacións porque están moi pegadas ao día a día»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, nas dependencias do centro, no Campus Norte de Santiago
Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, nas dependencias do centro, no Campus Norte de Santiago PACO RODRÍGUEZ

Na facultade de Compostela ofrecen 170 novas prazas para o próximo curso, entre os graos e o máster

26 jun 2022 . Actualizado a las 12:04 h.

A nova decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, asistiu anteonte á recepción da USC ao alumnado cos mellores expedientes da ABAU: «Foi a miña primeira experiencia nese acto e resultou moi gratificante, pola ilusión que se vía nese estudantado», afirma.

—Contan con moito alumnado para o próximo curso?

—Confiamos continuar como os últimos anos. Ofrecemos 80 prazas no grao de Xornalismo, que é único en Galicia; 50 en Comunicación audiovisual; 10 no dobre grado das dúas carreiras; e case 30 para o máster, unhas 170 en total. Sempre se cobren na primeira convocatoria e con notas de corte elevadas. Veremos o que acontece esta vez.

—Que pode condicionar a demanda desas titulacións?

—Vivimos tempos complicados para as nosas profesións, aínda que o son a nivel xeral para todo. O xornalismo e a comunicación son imprescindibles na sociedade actual, e para o futuro, está claro; para calquera sociedade que se prece de ser avanzada e democrática.

—Como convencería a alguén que dubide escoller a súa facultade?

—Xornalismo e Comunicación audiovisual son titulacións cheas de oportunidades, moi complementarias. Permiten contar o mundo, con moito achegamento á realidade, poder contar historias interesantes e contactar co amplo espectro da comunicación máis en xeral. E tamén historias ficcionadas, coas moitas arestas que ten a comunicación audiovisual, máis multimedia, con son, audio ou realidades virtuais. Son mundos apaixonantes, ninguén se aburre con estas profesións, que resultan imprescindibles neste tempo. Por iso animaría para que matriculen.

—En que situación está a renovación dos planos de estudos?

—Comezamos no último curso con primeiro e no próximo afrontamos segundo; son os dous anos máis xerais, máis iniciáticos. Confiamos completar todo o proceso nos catro próximos anos.

—Hai moitas mudanzas?

—Si, renovamos moito as titulacións, porque están moi pegadas ao día a día.

—Que novidades destacaría?

—Xornalismo e Comunicación audiovisual coinciden nos desafíos da dixitalización, das novas realidades moi virtuais, no metaverso, e outros que para os que debemos orientar as nosas disciplinas, para conectar cos novos perfís profesionais e expectativas, e sen esquecer as esencias.

—Que esencias?

—O xornalismo de calidade, ben fundamentado e tratado en fontes; todo o que son as esencias destas profesións, as bases sólidas que deben ter.

—Está preparada a facultade para as mudanzas que pretenden?

—Tentamos estar, aínda que temos retos. Renovamos equipamentos que deixamos en préstamo ao alumnado; temos un plató de realidade virtual de hai pouco anos; dixitalizamos un dos platós dedicados á docencia e esperamos afrontar o segundo neste ano; contaremos cun novo plató de fotografía o próximo curso; estamos renovando as mesas de audio dos estudos de radio, as aulas de informática... Acontece que os anos da crise, desde o 2008, frearon investimentos na USC. Aínda así fixemos esforzos para estarmos actualizados, queremos estar sempre á última.

—E o edificio, responde ás necesidades actuais?

—Levamos 20 anos neste edificio. Estamos a renovar a estética da fachada, o que require un gran investimento, dentro do plano de infraestruturas da USC. É un edificio pensado máis para aulas maxistrais; e estamos tentando acondicionar outros espazos, que permitan aulas máis colaborativas no fondo e na forma; ou traballar cóbado con cóbado, como acontece na dinámica da comunicación máis actual. A prioridade sempre son os equipamentos para o alumnado.

«A comunicación de calidade precisa públicos alfabetizados»

Antes de exercer na USC, Ana Isabel Rodríguez Vázquez traballou 13 anos en medios e foi pioneira da televisión local en Lugo. Doutorada no 2001, é profesora do departamento de Ciencias da Comunicación desde o 2003, secretaria do mesmo desde o 2008 e secretaría da Facultade desde o 2020. Prevé tomar posesión oficial como decana en xullo: «Teño o nomeamento e estou exercendo como decana, aínda que se pode considerar que estou coa L de prácticas», di.

—Propón internacionalizar máis a facultade, en que sentido?

—No de nos adaptarmos ao mundo global. Internacionalizar non significa só recibir alumnado de fóra, que tamén. Supón tecer redes e estar en contacto con outras universidades e docentes no coñecemento das ciencias da comunicación. Hai moitos enfoques e arestas, como o evidencia que a Asociación Galega de Comunicación, onde estamos profesionais das tres universidades, temos relación e participamos en moitas redes: con España, varias europeas e internacionais, ou no ámbito da lusofonía.

—Teñen contactos coa cidadanía de Santiago?

—Aínda que a pandemia paralizou moito, queremos que a facultade se posicione no tecido social de Compostela e galego en xeral. Estamos sempre abertos a calquera asociación, institución, colectivo ou organización empresarial que queira contar con nós. Somos un área moi transversal e queremos ser máis visibles, pois a nosa utilidade está tamén en estarmos conectados coa sociedade, como as nosas profesións.

—Investigou sobre alfabetización dos públicos, traballará nesa liña desde o decanato?

—Xa tentamos actuar nesa liña, co Colexio de Xornalistas. O xornalismo e a comunicación de calidade polos que traballamos precisan de audiencias e públicos alfabetizados que o aprecien, que teñan espírito crítico, que saiban valorar o esforzo profesional e os produtos de calidade. Recuperar a confianza do público é un gran desafío, para iso hai que conectar con ese público, e a alfabetización é a chave.

—Investigou tamén en televisión local, telelixo, espazo dixital europeo, cinema, retos da profesión... de que está máis satisfeita?

—Todo o que investiguei ten un fío conector, que acaba sendo a difusión e o achegamento aos públicos. Tamén me interesan os novos perfís que se incorporan ás redaccións e as estratexias dos medios para conectar cos públicos.