Alfredo de la Iglesia, pedagogo revolucionario

SANTIAGO CIUDAD

Alfredo de la Iglesia, pedagogo pioneiro na defensa da literatura galega.
Alfredo de la Iglesia, pedagogo pioneiro na defensa da literatura galega. RAG

15 dic 2023 . Actualizado a las 18:53 h.

O día 29 de novembro, co gallo do meu nonaxésimo quinto aniversario (fora o 28), a Universidade de Santiago de Compostela organizou un acto académico, na Facultade de Filoloxía (co reitor e catro oradores máis), no que eu pronunciei unha conferencia sobre Alfredo de la Iglesia (A Coruña, 1861-1933), disertación, no esencial (textos, datas), recolleita nun coidado opúsculo que editou a USC. Puxen o acento no que aquel intelectual avanzado tiña de máis peculiar. En efecto, na súa biografía de docente e de educador (no Ateneo, nos libros) hai trazos que o converten nun intelectual singular.

Aínda que era fillo de Francisco de la Iglesia, nome fundamental na conformación do Rexurdimento, nunca escribiu en idioma galego, nin a súa polifacética e extensa obra literaria é inscribible en ningunha corrente do galeguismo cultural. De todos os xeitos, hai dous xestos nesa biografía nos que adiantou, en décadas, aos galeguistas. En 1918, sendo, no Instituto de Pontevedra, catedrático de Lengua y Literatura Castellanas, redactou un Resumen de Historia de la Literatura Gallega, o primeiro manual desta materia para escolares escrito na historia da humanidade.

Tamén en 1918, no mesmo instituto pontevedrés, don Alfredo inventou unha tarefa pedagóxica, a de explicar unha lección de gramática castelá en lingua galega, invento que, nos primeiros compases, xerou a gargallada xeral dos alumnos, pero, cara ao final, eses mesmos alumnos atenderon con seriedade a clase do douto profesor, conscientes de que aquel docente fora capaz de romperlle o espiñazo á diglosia, termo, digámolo tamén, que aínda tardaría décadas en ser inventado.

Abraia a lousa de silencio que houbo, entre os contemporáneos, sobre un intelectual tan moderno e un pedagogo tan orixinal. Tamén a posteridade silenciou, sen sabermos por que, a extensa e polifacética obra de don Alfredo de la Iglesia. A Real Academia Galega custodia numerosa e moi valiosa documentación. Hai pouco, a eximia investigadora María Rosa Saurín de la Iglesia, neta do singular profesor, doou á Academia un manuscrito que complementa o sorprendente Resumen de 1918.