París en movemento, Santiago de Compostela inquieta

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

SANTIAGO CIUDAD

Denis E. F.

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

París é a cidade máis xacobea de Europa. O Camiño Francés arranca ao pé da torre de Santiago, no límite do barrio do Marais, que se salvou de sucumbir ás contundentes reformas haussmannianas grazas ao escritor e ministro de Cultura André Malraux. París capital é unha cidade ben composta, serena, con ese ritmo horizontal e vertical de cornixas, balcóns e ventás, un eclecticismo conformista que dá a impresión de que sempre segue igual.

Anne Hidalgo, a emprendedora alcaldesa, leva un lustro movendo o tema da mobilidade con máis de cen proxectos de peonalización e ecoloxización, o que eu prefiro chamar rehabilitación urbana. Hai cinco anos tomouse a decisión de reordenar o tráfico na Rue Rivoli, segregando un carril para automóbiles, outro para autobuses e dous para bicicletas mediante sinalización horizontal, sen intervencións arquitectónicas. Aínda está a proba. Sen dúbida, logrouse disuadir unha parte da circulación dun lado do Louvre, pero teño a sensación de que a densidade do tráfico se trasladou aos quais da ribeira dereita do Sena.

Hai que dicir que o transporte «bípede» está empoderado: ciclistas que van traballar, de paseo ou de compras, moitos con esas bicis de VeLib coa cestiña verde, patinetes, skaters, repartidores que substituíron as mochilas isotérmicas por remolques… Moitos cren ter prioridade sobre os peóns, que deberíamos ser os primeiros.

Mentres sigan ingresando a diario milleiros de coches individuais nos centros urbanos a solución é difícil, porque a cidade non é capaz de dixerir ese fluxo e o transporte público sempre será insuficiente. A alternativa virá pouco a pouco, cando a tecnoloxía e o mercado proporcionen recursos como eses autobuses pequenos, frecuentes, eléctricos e sen condutor que se están a ensaiar, e cando os cidadáns interioricemos e nos responsabilicemos do desgaste da cidade.

Nas urbes contemporáneas a relación entre o público e o privado, tanto na circulación como nas concesións de ocupación das rúas e prazas, segue a ser un desafío, un asunto político que a arquitectura non pode resolver a priori. En relación coa ronda histórica de Compostela, Alfonso Salgado e mais eu vimos mantendo publicamente, desde hai anos, que é necesario dispor dunha visión que capte tanto o espírito da cidade como o que acontece na contorna do eixe viario, senón pérdese o contexto. Esperemos que o concurso de ideas para transformar o chamado conector central nos leve a un pensamento urbano profundo, sosegado e en común entre os concelleiros, as outras administración e a cidadanía.