A comarca de Barcala conmemorou o centenario do nacemento mestre agrarista e galeguista Avelino Pousa Antelo, que faleceu hai dous anos. Fíxoo cunha ofrenda floral no monolito que dende 1990 lembra en Negreira a Lucho do Peto. como lle chamaban.
Promovido dende o instituto Xulián Magariños, o seu director Adelino Pose Reino, foi o encargado de ler un escrito remitido pola familia de Pousa Antelo, que escusaron o feito de non asistir persoalmente por motivos laborais, así como «o agradecemento máis sinceiro» pola lembranza das cen primaveras.
O profesor Amancio Liñares Giraut foi o encargado de introducilo acto que contou cos alcaldes de Negreira e A Baña, así como do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, e da asociación cultural Afonso Eanes, Guillermo Vidal, cuxos membros leron unas palabras en recordo de Lucho do Peto, ao igual ca o fixeron estudantes barcaleses. A interpretación do himno de Galicia polo gaiteiro Fernando Docampo deu fin a un sinxelo acto levado a cabo no parque infantil do Coto.
Pousa Antelo tamén tivo a súa homenaxe en Teo -municipio do que é fillo adoptivo- na urbanización Os Verxeles, neste caso organizado pola Irmandade Avelino Pousa, Manuel María da Terra Cha, o colectivo Xermolos e a comunidade de veciños da urbanización onde o veciño e galeguista da nome a un paseo.
Alí estiveron tamén a profesora Esperanza Mariño, o poeta Xoán Fernández Abella, Amancio Liñares, o gaiteiro Raúl Galego, os músicos Mini e Mero e Xosé Constenla, que levaron unha palabra e unha flor por Pousa Antelo.