MOITOS preguntaranse que pasa en Toques ó ver as imaxes que vimos de mulleres que poderían ser nais de rapazas da idade da que padeceu os abusos do alcalde do pobo, que saían na súa defensa, como tamén hai pouco informou este diario con nomes concretos. Porque isto é algo novo. E non parece que sexa boa cousa. Baredo, unha pequena aldea preto de Baiona, dividiuse entre abouxadores do párroco, acusado e condenado por abusos a menores, e activos apoloxistas do mesmo, que orixinaron na parroquia verdadeira belixerancia social. Outro caso que nos produce desacougo. Entre outros moitos supostos -o país é dunha fertilidade non común nestes productos-, eses dous poñen de manifesto, paréceme, unha rara subversión de valores: a xente fuxía da condena aludindo ós favores que se debían a eses suxeitos e que eran bos cristiáns. Dous síntomas alarmantes de falta da máis elemental dignidade, da torpe valoración da xerarquía dos dereitos, de que a saúde moral deste país non vai nada ben.