La madre del joven atropellado por un bus tras una fiesta de fin de año en Touro: «A túa vida quedou colgando, con datas de exames apuntadas nun corcho»
TOURO

Ana Trillo escribe una carta a su hijo fallecido titulada «En nome de Nico» después de que en una discoteca de Pontecesures se produjera un accidente similar que les ha hecho revivir la tragedia
22 sep 2025 . Actualizado a las 21:26 h.O día que me deron a noticia quedei paralizada, tanto que fun incapaz case de chorar o día que te fuches, rodeada dun ambiente que me anulaba e nun estado de shock no que entrei. Non me despedín como quixera, aínda que sei que nunca che direi adeus. Se é hoxe, agárrome a ese ataúde e non me solta ninguén.
Durante tres meses estiven nese estado de shock, sen levantarme da cama. Aínda hoxe é o meu refuxio. Despois aínda non o asimilas moi ben, pero é cando te decatas de que non estás e non sabes o que doe, xa que respiras pero sen vivir. Non lle atopas sentido á vida e entendes o que significa o dito: «Todo ten solución menos a morte». A miña mente colapsou tanto que moitas veces penso que vou perder a razón porque xa non distingues a realidade, e sígoche falando, dando as boas noites, pensando que estás na universidade, ou tomando algo cos amigos, ou arbitrando, ou que te chamaron para algún operativo de protección civil... todo para non sufrir. Pero entón veñen os momentos de realidade que golpean duro, dicíndome que non estás! E derrúbome unha vez máis, outro día máis, outro mes máis, en forma de bágoas, chamando por ti cunha dor que esgaza, que te desfai por dentro, con angustia, ataque de ansiedade, e aí, con todas esas emocións xuntas, cres que vas enlouquecer e desexas non vivir.
A túa vida quedou colgando, con datas de exames apuntadas nun corcho, un curso por seguir, uns soños arrebatados. E todo este sufrimento e dor que sinto por que? Porque unha serie de imprudencias se cometeron un día que se supoñía que tiña que ser un día para celebrar, para recibir un ano novo. Que ironía, e eu dicindo que me soaba ben o 2025, e resultou ser o peor pesadelo, o que ningunha nai desexa para un fillo. Non existe nada peor que perder un fillo. Pérdese xunto a el un pasado que non volverá, un presente que non queres vivir e un futuro que xa non vai existir. No que só vou pensar agora: tería 25, 30 anos, estarías casado? Terías fillos? Rematarías a túa carreira? En realidade non me cabe dúbida de que conseguirías todo o que te propuxeses porque o esforzo caracterizábate, o mesmo que a alegría, a bondade, a inocencia, a responsabilidade, a educación, sempre pendente dos demais. Desde pequeno defendías as inxustizas querendo cambiar o mundo.
Non hai nada peor na vida que perder un fillo, que saia pola porta e non volva entrar cando o autobús que o levou tiña que traelo a casa san e salvo, polo menos con esa intención o fas, para non ter que coller ti un coche ou subirte con alguén que tomara algunha copa. Quizais por iso eu sigo esperando que entres pola porta, porque non entendo que puido pasar. O único que sei é que sigo sen recibir unha explicación nin unha desculpa por parte de ninguén.
E volve pasar, volvo revivir ese día... En circunstancias parecidas, outro autobús atropela a catro rapaces á saída doutra discoteca... Unha rotonda parécelles sitio para recoller a uns mozos? Que clase de organización hai? E sáeme a rabia, as ganas de loitar e dar guerra para que cambien as formas á hora de organizar eventos deste calibre, para que cambien as leis e que non se perdan máis vidas nunha estrada. Porque son vidas as que se perden, xunto coas vidas das familias, non son números.
E quero gritar, gritar por e en nome de Nico, para que non volvan pasar traxedias así, para que ningunha familia máis teña que pasar por este inferno, para que ningunha nai teña que seguir esperando que o seu neno entre pola porta, mirando pola xanela para ver se chega, pasando noites de insomnio.
Só quero recuperar a miña vida, a de antes, onde eramos nós os catro, onde era feliz sen nada pero con todo. En nome de Nico.