Trazo sinxelo. Limpeza e claridade. Debuxo a liña. Unha fiestra ou viñeta centra a cuberta na que aparecen dúas mulleres. Unha delas leva algo na cabeza, adiviñamos un cesto tal vez. A outra, que semella una nena, amosa dous acios de uvas, tal que dúas graciosas moñas a ambos os dous lados do rostro, como nunha brincadeira. Enriba da viñeta, o título do libro e mais o autor: Bebedeira, Florencio Manuel Delgado Gurriarán; e debaixo da ilustración o nome da editorial, Nós, con letras moi sinxelas, e mais o ano da edición: 1934.
Entre as sorpresas que me deparou a celebración este ano do Día das Letras Galegas dedicado ao poeta de Valdeorras, unha delas foi o descubrimento da primeira edición deste libro, ilustrado polo artista e crítico literario Xosé de Castro Arines (Tui, 1911-Madrid, 1997). Coñecino en Madrid contra finais dos anos 70. Eu era un rapazolo que acababa de licenciarse en Filosofía e Letras e el un veterano xornalista, case que na fronteira da xubilación laboral, especializado na crítica de arte no que daquela era un dos rotativos de máis prestixio: o xornal Informaciones. O suplemento de Artes e Letras era unha referencia obrigada para todos nós.
Levaba eu debaixo do brazo un longo artigo sobre o Diario que Castelao escribiu en 1921 durante a súa viaxe de estudos por Europa (Francia, Bélxica, Alemaña) que acababan de publicar Editorial Galaxia e mais o Museo de Pontevedra. Entrei pola redacción como entran os novatos, buscando coa mirada algo onde agarrarse, e dei co director do suplemento, Pablo Corbalán, a quen con bastante atrevemento ofrecín o meu traballo. Mirouno. Levantou os ollos cara a min e, logo dunha pausa, díxome: «Vai contra aquela mesa do fondo, onde está aquel señor, e amósallo». Aquel señor era Castro Arines.
Eu non o coñecía de nada, Nunca sentirá falar del. Se acaso sabía que era un dos críticos de arte con máis recoñecemento, pero pouco máis. Á semana seguinte, con grande aparato gráfico, apareceu o artigo, que case era un ensaio, nas dúas páxinas centrais do suplemento. Foi una das miñas primeiras entradas no oficio de escribir nos xornais.
Logo souben máis cousas. Castro Arines fora militante das Mocidades Galeguistas, director da revista Guieiro, órgano destas mocidades, amigo de Castelao dende moi cedo, malia a diferenza de idade, estudoso da obra de Luís Seoane, de Maruxa Mallo, de Mercedes Ruibal, ademais de artistas contemporáneos de diferentes vangardas, a arquitectura das galerías galegas, os movementos da abstracción en Europa, da pintura de Goya, Barjola, Chillida, Solana… O lector pode consultar a súa biografía e as súas producións en calquera plataforma especializada. Andando o tempo, Rafael Dieste, Ramón Piñeiro e Díaz Pardo falaríanme del. Mais para min sempre será aquel señor tan amable que estaba ao fondo da redacción e que me abriu a porta do suplemento.
E agora, o ilustrador da primeira cuberta de Bebedeira.