Cachenas con selo de calidade que manteñen a vida no rural de Val do Dubra

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

VAL DO DUBRA

Lara Lozano

José Antonio Liñares Rey conta cunha explotación en Paramos

29 ago 2025 . Actualizado a las 13:29 h.

En Paramos, unha pequena aldea de Val do Dubra, o tempo detense entre pastos verdes e memoria herdada. Porque a vida namorouno do seu lugar, das súas raíces. José Antonio Liñares Rey segue alimentando unha historia de esforzo, sacrificio e amor pola terra. Aos seus 66 anos, segue a coidar con paixón a finca que pertencera aos seus bisavós e posteriormente aos seus avós, convencido de que o rural ten futuro e moito por ofrecernos.

«Ver que a terra segue con vida é o que me move», confesa, cun brillo nos ollos que fala máis cás súas palabras mentres mira a leira na que cría o seu gando. Nos anos 2000, cando a crise das «vacas tolas» sacudiu o sector gandeiro, José Antonio decidiu mudar o rumbo. Deixou a rubia galega, a raza maioritaria en Galicia, e apostou pola cachena, unha especie autóctona en perigo de extinción. Esta raza, orixinaria da serra do Xurés, caracterízase polos seus cornos impoñentes e pola súa rusticidade. «As facilidades na crianza e reprodución foron unha das razóns polas que me decidín», explica ao falar da súa granxa, que se converteu nun proxecto pioneiro en Val do Dubra.

Hoxe, a súa explotación en Paramos é referente na comarca. Conta con 50 reses —25 nais, recría, xovencas e xatos— e forma parte da comunidade de granxas que en Galicia traballan na recuperación da raza. A carne de cachena, máis escasa, pero tamén máis apreciada, converteuse nun produto en auxe e o gando deste dubrés pode degustarse sen saír da comarca. A súa produción destínase, en parte, a particulares, pero sobre todo a dous restaurantes da contorna: A Mezquita (Negreira) e O Fogar do Selmo (Urdilde).

Para José Antonio, a gandería é un modo de vida: «Dá liberdade, pero tamén moito sacrificio, como a propia vida de todos os que nos dedicamos ao gando», reflexiona. Esa filosofía acompañouno sempre: a entrega diaria ao coidado dos seus animais, a conexión coa natureza e a satisfacción de contribuír a conservar unha parte do patrimonio galego. Non obstante, o gandeiro é consciente dos desafíos: «O campo só seguirá vivo se hai mocidade disposta a coller o relevo». Por iso, pide ás administracións máis axudas e apoio real, non só para manter, senón para animar ás novas xeracións: «Sen subvencións nin políticas que impulsen o rural será difícil manter este camiño», advirte.

A súa mensaxe é clara: o rural pode ter futuro si se aposta pola calidade, pola preservación das razas autóctonas e, sobre todo, se hai persoas que crean nel, coma el, que segue a escribir con vacas cachenas unha historia de resistencia e amor pola terra no corazón de Val do Dubra.