José Viaño, exdirector do colexio de Vedra: «Hai que facerlles ver aos nenos que o que estudan ten unha finalidade»
VEDRA
O mestre, que acaba de xubilarse, sinala que o feito de que os rapaces hoxe teñan de todo pódeos levar a acomodarse
09 sep 2025 . Actualizado a las 21:20 h.José Viaño Rey (Sergude, Boqueixón, 1960) viviu nestes días a súa terceira homenaxe con motivo da súa xubilación. Primeiro foi a dos escolares do CPI de Vedra, os seus nenos nos últimos 24 anos como antes o foran os de Bertamiráns, os de Malpica, de Escarabote, da Pobra e os de Oca, o colexio estradense no que exerceu unha década e ao que garda gran cariño: «Foi no penúltimo día de clase, unha sorpresa total coa que non contaba para nada, e acabei chorando moitísimo»; viría logo a despedida dos compañeiros docentes; e o pasado mércores, coas familias e co Concello. Sinala que foi pechar o círculo, nunha conexión que defende para traballar de xeito coordinado familias, institucións, asociacións culturais e profesorado, «todos en unión, que é o que eu sempre proclamei, e que fai a un centro especial, con bo ambiente, cunha boa relación entre todos, traballando no mesmo fin».
Pepe Viaño chegou ao colexio de Bertamiráns, entón chamado colexio Bispo Guerra Campos (hoxe A Maía), en 1982. Era o seu primeiro destino despois de rematar en Santiago os estudos de Maxisterio, na especialidade de ciencias sociais, e obter o acceso directo polo seu brillante expediente académico. Foi seguindo a un amigo como se animou a facerse mestre, tamén para empezar a traballar canto antes e botar unha man na casa: «Eu xa dera clases particulares de rapaz aos veciños, optei por isto e a verdade é que gustoume moito a profesión».
En máis de catro décadas exercendo viviu múltiples transformacións: «O que cambiou fundamentalmente foron os recursos para ensinar. Pasamos de clases onde tiñas só o encerado, a tiza e os libros á actualidade, onde cada neno ten un ordenador e unhas pantallas dixitais con posibilidades de achegarte ao mundo. Eu son un defensor acérrimo do E-Dixgal, aínda que nos últimos anos está un pouquiño denostado». Porque sostén que o problema de rapaces cos móbiles e os videoxogos a todas horas nace da sociedade actual, non do E-Dixgal. E fronte ás diapositivas estáticas coas que el amosaba O Vaticano ou unha zona do mundo de clima ecuatorial, «agora podes aproximarte co Google Maps a diante do Vaticano ou do Partenón, é unha ventá aberta ao mundo moi grande».
Os rapaces, sinala, non cambiaron moito: «Se realmente captas a súa atención e es capaz de motivalos os nenos seguen estando interesados en aprender». Pero hai diferenzas, porque os pais quixeron darlles o mellor aos seus fillos, «e ofrecémoslles tanto que hoxe teñen todo, e quizais non hai tanta ilusión polos estudos, porque teñen moitas máis posibilidades económicas das que tivemos nós, viaxan máis... e iso pode levar a que os nenos se acomoden: xa teñen todo, viven ben en familia... Antes había ilusión por medrar, por traer algo á casa, por estudar, por cambiar. Para un neno de campo como era eu, que andaba coas vacas, cambiar iso por un traballo mellor era unha ilusión», sinala.
E como se motiva ao alumnado? Viaño sinala que é difícil e complexo, e subliña a importancia da conexión coa familia para logralo: «Hai que darlles a chapa, como din eles, estar constantemente facéndolles ver a importancia de estudar e de que o que estudan ten unha finalidade». Dar resposta á pregunta habitual de ‘para que me serve isto?’, cun traballo moito máis práctico e lúdico, en proxectos nos que se impliquen, fuxindo das antigas dinámicas repetitivas. E o mestre de Sergude incide noutro aspecto non menos importante: «Os nenos son os protagonistas, e temos que tratalos como a nós de pequenos nos gustaría que nos tratasen. Hai que respectalos moito, escoitalos, saber as súas problemáticas e inquedanzas e poñerte do seu lado. Ter moita empatía con eles é clave».
O protagonista. Pepe Viaño estudou Maxisterio, na especialidade de ciencias sociais; cursou logo a de filoloxía inglesa, e rematou a carreira de Xeografía e Historia. Na súa xubilación seguirá coas afeccións de sempre, o deporte e camiñar; as lecturas de historia, a bricolaxe na casa e unha actividade que acaba de descubrir e o ten cativado, o pitch and putt.