Susana Sampedro: «Non podo imaxinar como será o audiovisual despois deste parón»

ENCARNA PEGO A VOZ DE BARBANTIA

PLATA O PLOMO

Abraldes

Estudou maxisterio antes de facer interpretación, e tamén cantou

11 jul 2020 . Actualizado a las 10:00 h.

Esta primavera insólita na que nos tocou vivir un encerro involuntario decatámonos, máis se cabe, da riqueza e da satisfacción que nos achega a arte na nosa vida cotiá, para manter o espírito en calma e a cabeza viva. Despois de varios intentos, aproveito a circunstancia para charlar, vía Internet, coa nosa convidada, Susana Sampedro, que naceu regada polos abondosos dons de Melpómene e Thalía. A cantidade de series de televisión nas que ten traballado seguramente acompañaron algunhas das nosas horas de confinamento.

-Susana, cando decides dedicarte ao mundo da farándula?

-Unha persoa díxome unha vez que era fácil descubrir a que profesión nos teriamos que dedicar; abonda con lembrar a que xogabamos de nenas, cando non había presión social nin económica, e ese será o teu traballo ideal. Pois eu, de pequena, inventaba historias, gravábaas facendo voces, disfrazábame de personaxes na casa... En fin, estaba claro. Son moi pallasa. Realmente estudei maxisterio porque os meus pais, moi sabiamente, pedíronme que realizase estudos «normais» antes de marchar a Madrid para facer interpretación, pero nunca tiven unha idea firme de dedicarme ao ensino como profesión.

-Empezaches como cantante...

-Si, cando tiña 16 anos. Uns amigos querían facer o grupo Las Niñas y los Hombres con Patillas, formado por Tomás Ageitos -na batería-, Diego Loureiro -guitarra-, e Toño Millán -baixista-, e chamáronme para ir de cantante con eles. Falei coa miña amiga Ana Blanco e fomos as dúas. A maioría das cancións eran compostas por Tomás. Lembro que a primeira actuación foi no Liceo Marítimo de Ribeira. Tiñamos un cartel anunciador deseñado por José Bernardo (Pemán), que era un crío daquela. Chegamos a gravar unha maqueta con varias cancións. Con ela participamos nun concurso de Los 40 principales, de Pontevedra. Gañamos o premio, que era ir tocar alí, e logo fomos por varias cidades de Galicia. Despois chamáronnos os Heredeiros da Crus, e fomos de coristas con eles, Ana e mais eu. Iso xa foron palabras maiores, supoñía ir de xira. Estivemos bastante tempo con eles, varios anos; gravamos un disco en directo, titulado All right Chicago. Foi unha época moi divertida. Logo cantei coa Compañía do Ruído, e con Los Súper Sandwich. E nunca deixei de cantar; agora fago os coros con Fernando Tato.

-Cal foi o primeiro traballo como actriz?

-O primeiro traballo serio foi na serie O faro, 510 capítulos que se emitían a diario na TVG. Eu era Erea. Alí aprendín moitísimo. Traballei con varios directores, con moitos actores e actrices, e foi unha magnífica escola para todos nós. Gardo grandes amigos desa etapa 2013-2016. Pero tamén teño unha moi boa lembranza da tenente Rivas en Serramoura, penso que me ía ao pelo ese papel. Funcionou moi ben. Valeume un nomeamento aos premios Mestre Mateo.

-Algún papel máis difícil? Algún que che gustaría facer?

-Quizais o papel máis difícil para min foi o da marquesa do Miño de Lobos e cordeiros, unha serie de época, un mundo moi diferente ao actual. E papeis que me gustaría interpretar, son milleiros! Hai unha morea de personaxes femininos interesantes. Este ano, no adestramento actoral, estivemos traballando A raíña da beleza de Leenane, de Martin Macdonagh, e sería moi interesante poder interpretar a Maureen.

-Ademais de interpretar, pensaches escribir, dirixir ou producir?

-De momento só interpreto, pero non descarto o de empezar a argallar cousas novas. Non é doado vivir deste traballo, en xeral. En Galicia contamos cun audiovisual potente, pero penso que non hai que poñer barreiras a esta profesión. Non podo imaxinar como será o audiovisual despois deste parón, pero vai ser complicado todo, en xeral. Inda que eu son de adaptarme ás circunstancias e buscar solucións.

-Cales son os teus referentes da interpretación, ou da dirección?

-A miña superactriz é a australiana Toni Collette. Tamén Susan Sarandon, e moitas actrices e actores galegos. Como directores: Wes Anderson, F. León de Aranoa, Almodóvar (inda que non gusto de todas as súas películas), Hitchcock e, de Tarantino, gústame todo o que fixo. En teatro gústame o irlandés: Wilde, Shaw, Yeats, Millington Synge, Beckett, Behan...

-Como é para ti un día normal?

-Non hai un día normal, todos son diferentes. Temos épocas longas sen traballar e estou na casa aproveitando para facer cousas. Gústame facer exercicio, andar en bicicleta, estar cos amigos, ler. Sobre todo vexo series e cine, moitísimo, claro. Con bo tempo gusto de ir á praia e bañarme no mar.

Susana atópase na súa salsa subida nun escenario. No colexio xa presentaba algún festival, e na casa cantaba e tocaba o piano. Nós desfrutamos véndoa no teatro, ou na nosa televisión, case acotío, e agardamos que a musa Fortuna sexa pródiga con ela, cos mellores papeis, para experimentar a tensión, facernos rir, chorar ou emocionar. Tamén agardamos escoitala cantar nas nosas festas.

 A madrid, pola vocación (Perfil)

Susana Rodríguez Sampedro nace en Ribeira, onde cursa EXB e BUP, que compaxina con estudos de solfexo e piano no Conservatorio de Ribeira, e despois de ballet clásico. Obtén na USC a diplomatura en Educación Musical (1997-2000), pero a súa verdadeira vocación lévaa a Madrid a estudar interpretación. Xa acudira a un Taller de Esgrima Teatral na Aula de Teatro da USC (2001). Obtén a diplomatura en Arte Dramática na escola La Lavandería, e continúa a súa formación con diversos talleres, coma o de Teatro Clásico José Luis Patiño 2003, ou cursos de interpretación: Benito Zambrano 2012, Mariana Carballal 2013, Carlos Sedes 2015, Miguel Conde 2016...

En Madrid traballa en obras de teatro: El paño de injuriasLa ciudad sitiadaColorín colorado, ni carne ni pescado, entre outras.

En Santiago

Regresa a Galicia e reside en Compostela, preto dos centros do audiovisual galego. Aquí saboreou o éxito con Idiota, no Teatro Principal, obra que levou tamén a outras cidades, entre elas Ribeira.

Pero a súa vida nos escenarios xa empezara moitos anos antes, como cantante, en diferentes formacións musicais (rock, funk, música tradicional).

Susana fixo de actriz de dobraxe -tanto en galego coma en castelán-, de presentadora na TVG (Imos de viños). Traballou en webseries coma Ignoto ou Non saímos do lixo.

Para o cine actuou en curtametraxes: As vacacións do verdugoUganda, e algunha longametraxe, coma A historia dun satélite ( 2017).

Actriz de series

Pero o que a fai máis familiar para o público seguramente son os seus numerosos papeis en series de Televisión: Escoba! (TVG 2013), O faro (Autonómicas 2013-2016), SerramouraDalia a modistaFariña (Antena 3 TV), Lobos e cordeirosDo dereito e do revés, entre outras máis.

?Susana é feliz co seu traballo, pero o que máis lle gusta é facer desfrutar a xente e ter a oportunidade de vivir a vida de persoas moi diferentes a ela. Non sabería escoller entre televisión, cine ou teatro; a profesión é a mesma, simplemente cambia «a linguaxe», e di que se encontra moi cómoda nas tres. Encántalle a canción, e segue a cantar sempre que ten a ocasión.

Abraldes