Memoria

TUCHO CALVO

SOCIEDAD

09 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI uns días escoitei unha gran figura das letras brasileiras, unha inmortal (título que reciben alí todos os académicos), falar da importancia de Galicia para ela. Descendente de galegos por parte de pai e nai, as raiceiras deste lado do Atlántico e, sobre todo, a profunda pegada da súa viaxe ás terras dos seus devanceiros aos dez anos, marcan dun xeito determinante a concepción, os argumentos e os personaxes que percorren a obra de Nélida Piñón. Lembrei como tamén eu aos sete anos saín dunha Venezuela próspera e avanzada para somerxerme no mundo rural galego na parroquia ortigueiresa de Loiba. Foi atoparme cun escenario pobre e en moitos aspectos atrasado, pero fascinante, elaborado, conformado polo paso dos séculos, cargado de tradicións e personalidade, no que -podo velo con claridade desde a distancia- a maior sinrazón descargaba contra os elementos que denotaban as nosas orixes. Quizais das cousas que teño máis gravadas na memoria está a brutalidade con que cada día zorregaba o mestre a unha compañeira incapaz de librarse das gheadas. Outros moitos sufriron aínda máis. Atopar a memoria colectiva galega detrás desta autora recoñecida en todo o mundo, saber que un premio Nobel como García Márquez bebeu da mesma fonte nas historias que lle contaba a súa avoa galega, palpar a transcendencia desa cultura no aprecio que reciben outros moitos creadores, faime pregar a quen teñen ese tesouro que llelo transmitan aos fillos e aos netos empanicado na nosa fala. É o seu futuro fronte aos intentos da televisión estatal de ningunear o pasado desta terra con series pretendidamente históricas.