DURANTE unha viaxe a Alemaña en 1993 puiden ver nunha librería na estación ferroviaria de Múnic un exemplar de Trazo de xiz , de Miguelanxo Prado. Sentín unha agradable sensación de recoñecemento, de familiaridade, de saber que quen creara aquel libro viña do mesmo lugar do mundo no cal eu me subira a aquel fatigoso tren que me levara tan lonxe. Unha reacción pailana, segundo algúns, pero para min, que lles vou dicir, é unha das manifestacións máis tanxibles e satisfactorias do que se veu en chamar facer país. Agora teño ese álbum na casa e podo valoralo non por criterios xeográficos, senón pola súa calidade, igual que o resto da obra de Miguelanxo Prado, que vén de ser premiada dobremente no Salón do Cómic de Barcelona. Non estivo só. BD Banda , coordinado por Kiko da Silva, acadou o galardón ao mellor fanzine, mentres que os debuxantes galegos tiveron moito que ver co éxito da revista Míster K . Non son os únicos logros dun colectivo que traballa duro por dar visibilidade ás súas creacións. Ilustradores e guionistas forman un amplo grupo que recibe eloxios fóra, onde ademais se marabillan de que se relacionen entre si como unha familia. Dende a soidade da mesa de debuxo ata as librerías foráneas hai un longo traxecto, pero coa imaxinación pode percorrerse con maior rapidez que sobre raís (e iso que en territorio alemán os trens van na fura de diante). É un paso importante para que nos sigan dando satisfaccións.