VÉN de cumprir 26 anos e continúa gozando da vida. Imperioso , o cabalo que chegou á fama polo cariño que lle profesaba o seu dono, Jesús Gil y Gil, retirouse hai tempo das súas obrigas como semental e vive unha prácida xubilación. Durante aqueles anos do gilismo, Imperioso viuse enleado nos esperpénticos espectáculos que tanto gustaban ao seu propietario, empezando polo seu nome, unha proxección do inconsciente do entón alcalde de Marbella. Agora sabemos que en realidade o cabalo humanizaba a Gil, quen se gababa de falar con el polas noites e escoitar os consellos que lle ofrecía. Sabio o home que sabe escoitar aos animais e sabe manter a conversa. Para moitos, Jesús Gil non era máis ca un esbardalleiro, pero algúns feitos destes días suavizan aquela imaxe. Aí está o mudo zoolóxico que atesouraba na súa mansión Juan Antonio Roca, responsable de urbanismo en Marbella dende os tempos de Gil e a quen se lle imputa ser o cerebro dunha rede de enriquecemento ilícito. Xabaríns e cervos, hipopótamos e osos polares, ata unha xirafa e un crocodilo. Todos como testigos silenciosos da imparable ascensión de quen os cazou a tiros. Un pregúntase que estraño pracer podía sentir este home, na soidade da noite, entre os seus trofeos. Quizais o reaseguraban no seu ilimitado poder, eran as testemuñas de que nada podería interpoñerse ante os seus desexos. Agora está na cadea. A diferenza de Imperioso , aqueles cadáveres de luxo non podían conversar nin aconsellar.