QUE existe un divorcio claro entre a macro e a microeconomía é sabido dende hai tempo. Pero ese grande misterio do capital insiste tamén en abraiarnos cos seus paradoxos. Ata o de agora, aos billetes de 500 euros o enxeño popular bautizáraos como Bin Laden, porque todos o buscaban e ninguén o atopaba. O caso é que onte enterámonos de que España chegan a circular ata cen millóns destes desexados papeis de cor morada. O curioso é que, aínda que un pense que o país anda inundado destes billetes, é realmente complicado dar con un. Di Facenda que con tanto papel morado non lle cadran as contas e que investigarán, porque se non se gastan, alguén terá que telo gardado. Ou ao mellor é que cambia de mans con moita discreción. No ministerio relacionan tanto billete con que se constrúa tanto e a unhas prácticas non moi claras por quen comercia con ese ben básico que é a vivenda. Eu, que xa me teñen chamado inxenuo varias veces, non vou ser malpensado, pero se o di Facenda, ¿quen son eu para levarlles a contraria? O que resulta máis curioso é que na rara ocasión que se ve un billete de 500 euros a xente fuxe del igual que do Demo. Digo eu que máis que por non ter cambio, a ninguén lle gusta ver o seu salario resumido en dous fráxiles papeis ou a pensión en escasos centímetros cadrados. En realidade, eu creo que ao diñeiro o que lle gusta é a invisibilidade, que o desexemos sen velo e exercer o seu poder dende a distancia. Coma un deus.