A campaña de PuntoGal A iniciativa por un dominio propio para a lingua e a cultura de Galicia busca obter un amplo apoio social para avalar a proposta ante a entidade que xestiona a súa concesión
28 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Doce entidades constituíron en xuño do ano pasado a Asociación PuntoGal para promover a creación dun dominio propio en Internet que agrupase os espazos relacionados coa lingua e a cultura galegas. Dende entón, xa se engadiron os apoios doutros colectivos e firmas, ademais de numerosas sinaturas, a título individual, a prol deste barrio galego na Rede. Presidida polo secretario da Real Academia Galega, Manuel González, a asociación é a encargada de avalar ante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), o organismo encargado de autorizar os dominios de Internet. Trátase dun proceso «longo e complexo», como afirman dende PuntoGal, e que canto máis apoio social acade, máis posibilidades ten de conseguir a meta marcada. Por este motivo, a concienciación social sobre a necesidade de que Galicia dispoña dun dominio propio é un dos obxectivos principais da asociación. «Dentro de dous meses hai unha reunión da ICANN en Portugal -explica Manuel González- e queríamos facer acto de presenza alí para ir creando un certo ambiente, para darnos a coñecer e para establecer contactos con membros que poidan influír un pouco na decisión final». O presidente de PuntoGal lembra tamén que tiveron que formar unha asociación porque a petición para contar con este dominio .gal ten que presentala unha entidade privada, «non vale que o faga unha institución pública». En canto ao proceso oficial para acadar este dominio, apunta González que é necesario presentar unha serie de informes, «uns de carácter técnico e outro digamos máis filosófico-cultural». «Estamos traballando neses informes e contactamos xa cunha empresa que é a que nos guiará na parte técnica da proposta e o apartado máis cultural e filosófico ímolo elaborar nós mesmos», di González. Espello O PuntoGal ten un espello no que mirarse: a experiencia catalá. A finais do ano pasado estrouse o primeiro dominio .cat, que agrupa a webs que teñen no catalán o seu idioma vehicular principal e tratan da cultura do país. De feito, Manuel González explica que están en contacto coas persoas que promoveron este dominio «e están aconsellándonos pola boa vía». Sobre o feito de que PuntoGal non ten o problema de .cat sobre o significado en inglés, González apunta: «Ese era un problemiña pequeno, pero nós temos outros problemas, que non é prudente adiantar agora, pero que son bastante máis importantes». En canto a posibles plazos para a posta en marcha deste dominio, explica que a ICANN ten que poñer en marcha un período de candidaturas que aínda non se abriu «e probablemente tomará a decisión sobre as datas nesta reunión que se celebrará en Portugal», segundo indica Manuel González.