O ÚLTIMO descubrimento do equipo de investigación coordinado polo doutor Antonio Damasio, premio Príncipe de Asturias do ano 2005 e director do Instituto do Cerebro da Universidade de California, non só confirma que hai unha rexión cerebral ?a cortiza frontal ventromedial, para ser exactos? que se volve especialmente activa cando un conflito moral enche o pensamento de dúbidas, senón que tamén demostra, a través da neuroloxía, que as persoas nas que esa zona está danada teñen máis facilidade para tomar decisións friamente, prescindindo das emocións: para actuar sen escrúpulos e rápido. Isto leva a pensar que cando o ser humano se enfronta á necesidade de elixir qué camiño tomar ante unha situación crítica da que é imposible que todos os afectados saian indemnes, non son exclusivamente os valores éticos os que o obrigan a cuestionar a opción que máis o beneficiaría a el en detrimento dos demais, senón que tamén as neuronas axudan a activar a conciencia. Bo é sabelo. Pode ser útil lembralo. E póñolles un exemplo: agora mesmo, mentres escribo isto nun café, na mesa do lado hai unha parella co pelo cheo de pomada e gafas de esquiador que fala, alzando a voz de maneira esaxerada, do «insoportables» que poden chegar a ser os vellos, e di que, contra o vicio de tocar o timbre, non hai mellor cousa que non abrir a porta e finxir que non se está na casa. Eu pensaba que esas actitudes tiñan que ver sobre todo coa eterna tentación do egoísmo, cando non coa sombra da maldade. Pero hoxe, grazas á ciencia e a Damasio, xa sei que é tamén porque nesas cabezas hai algo que falla.