RESULTA que estabas no sofá, reflexionando sobre a insistencia coa que che repiten que tes que ir correr tres ou catro días á semana -pero non precisamente a maior gloria do olimpismo, senón para combater iso que imos chamar un lixeiro sobrepeso; mirémonos con clemencia-, e que os ollos se che ían pechando. Entón a televisión, que non apagaras, decidiu informarte de que tamén a ex muller do noivo de Isabel Pantoja -ou do ex noivo, sobre iso hai opinións encontradas- está aumentado o seu perímetro abdominal dunha maneira que aos ruidosos comentaristas da vida rosa lles resulta alarmante. Como é natural, e ante a altura do debate, non tiveches outro remedio que renunciar a botar unha cabezada de sábado. Así que decidiches erguerte do sofá de inmediato e afrontar, con paso non precisamente elástico, a búsqueda dun chándal vello dos de segar a herba. Mentres buscabas nas caixas do garaxe, sentiches que chamaban ao portal. Era unha señora das que piden polas casas e non existen nos discursos. Preguntouche se non lle poderías dar tamén un pedazo de chocolate. «É que teño unha neta comigo, ¿sabe?», díxoche mentres o gardaba. Así que hoxe espero, por vez primeira, que non haxa outro mundo no que acaben pedíndonos contas. Porque se o hai, a ver qué vai dicir un cando lle pregunten cómo se poden pechar os ollos así ante a realidade.