| O |
03 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.É DIFÍCIL non emocionarse sabendo que a nena vietnamita que en 1972 espertou as conciencias de medio mundo desde a fotografía na que berraba cos brazos abertos e o corpo abrasado polo napalm, é hoxe embaixadora da Unesco e renunciou ao odio para sempre. Kim Phuc, que así se chama, sobreviviu ás feridas daquel día terrible ?¿cantos non o conseguirían...?? no que Nick Út, Premio Pulitzer, tomou unha desas fotos que un segue vendo sempre, aínda que non as teña diante, porque en canto os ollos reparan nelas xa se quedan gravadas dentro. O horror non se borra facilmente. Sebastiao Salgado, o fotógrafo brasileiro que estes días expón en Madrid as súas imaxes de África, dese continente cheo de feridas no que xamais faltan tampouco nin o horror nin a pel ardente, di que os que se ven obrigados a enfrontarse ás circunstancias máis terribles ?as vítimas da fame, das guerras, das pandemias...? polo xeral lle plantan cara ao destino cunha dignidade que é unha auténtica lección para cantos se lles acercan. Hai anos, cando Salgado fotografaba Galicia, escoiteille contar con qué valor loitan contra a adversidade e a area as tribos do Sahel; e tamén os habitantes das secas terras dese nordeste do Brasil no que a finais do século XIX se desatou a revolución de Canudos, liderada por aquel Antonio Conselleiro ao que os soldados desenterraron para cortarlle a cabeza, pero que segundo a lenda fuxiu e subiu voando ao ceo.