A noite cambia case todo. E moi especialmente a maneira na que percibimos o que nos rodea. Abonda con agardar a que o sol comece a ocultarse, para poder ver, poñamos por caso, como o mosteiro de Caaveiro, custodio das Fragas do Eume, se transforma nun lugar por completo distinto ao que parece durante o día. En especial, mentres van espertando e botando a voar os morcegos que se refuxian do brillo do sol nas súas estancias menos coñecidas. Ten un a impresión, nese instante, cando do bosque atlántico marchan os visitantes diúrnos e chegan os que de costume -pero non sempre- son de natureza invisible, de que o vóo nocturno deses pequenos animaliños, con radar incorporado, que tan mala fama tiveron ás veces a pesar de que non era iso precisamente o que merecían, tamén é contemplado, en silencio, polo que hoxe queda da ánima de aqueles vellos coengos, suxeitos á regra de San Agostiño, que entre as mesmas pedras cultivaban, ademais do canto coral, a observación das estrelas, a lectura dos clásicos gregos e latinos, sen dúbida a gastronomía e, con casi total probabilidade, a caligrafía. Alguén podería crer que iso, a aparente ausencia dos vivos, é a soidade, pero non acertaría. Estar só non é que ao teu redor non haxa xente, senón que teña que andar lonxe quen máis desexas ter contigo. E por certo, que lles ía falar hoxe, ademais, da néboa que envolve Santo André de Teixido cando se abre a porta entre dous mundos; e de Angelina Jolie, que estrea unha nova película. O malo é que non quedan liñas, así que vai ter que ser outro domingo.