-¿Xa teñen en mente o próximo traballo discográfico de Berrogüetto?
-Nunca deixamos de traballar. Somos sete cabezas que estamos pensando na música permanentemente. Agora estamos co libro e co deuvedé, pero supoño que a comezos do próximo ano empezaremos a traballar no próximo disco.
-Ademais, compaxina o grupo cunha carreira propia e coa compañía Nova Galega de Danza. ¿Cal é o segredo?
-É unha cuestión de adecuar a axenda e as velocidades, de ir facendo. Berrogüetto é o que manda na miña axenda, pero teño tempo para outras cousas e penso que todo iso se retroalimenta.
-E tamén imparte obradoiros en escolas. ¿Que impón máis, o público dun concerto ou os alumnos?
-[Ri]. Ás veces impoñen mesmo máis os rapaces.
-¿Que acollida lle dan eles á música galega?
-Fantástica, porque os rapaces teñen unha facilidade tremenda para asimilala, eu mesmo empecei con once anos. É un entorno que mestura aprendizaxe e diversión, e ademais é algo que os vencella directamente á terra na que viven. Ademais, é unha inversión no futuro da cultura propia porque quen coñece a música tradicional de pequeno vive con ela un romance para toda a vida.