Unha das cousas que máis me gusta é camiñar pola beira do mar na Pedra do Sal en Baldaio.
Camiño e penso no día en que coñecín á persoa que máis quero deste mundo, na súa risa e beleza, na súa bondade. Ese día aínda non rematou.
Camiño e penso no incalculable amor que se lle ten a un irmán, a esa persoa que forma parte de ti, e que parece que leva aí desde sempre.
Sigo camiñando.
Onte pola noite o intelixente Woody Allen volveume a sorprender con outra agradable comedia. Encántame o bo cine, coma cando Marlon Brando lle pide a Robert Duvall que lle diga dunha vez que o seu fillo Sonny está morto. Mergúllome na auga salvaxe e pura do océano e noto que está fría, coma sempre.
Póñome de pé e miro para o ceo, ceo dun azul cristalino e virxinal. Venme á cabeza o día que estiven preto a voar, cando me tirei dun avión sobre os campos verdes do veciño Portugal.
Salgo da auga e sigo camiñando, e doume conta que hoxe fai unha década da miña carreira no San Fermín.
Camiño e recordo que cando volva para a casa voulle dar remate o libro que estou lendo agora, o cal, cunha máxica historia e precisa literatura, axúdame a respirar unha vida paralela á que me dispón para escribir estas liñas.
Camiño e podo escoitar unha canción dos Rolling que escapa dun aparato de alguén na toalla. Gústanme os Stones, a música, os concertos.
De entre moitos venme a cabeza o do ano pasado de Arcade Fire no Monte de Gozo. Recordo que hoxe quedei cos amigos para cear. A vida é marabillosa.
E eu sigo camiñando.