O voluntariado da Xunta intervén nas Fragas do Eume

nacho blanco REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

JOSÉ PARDO

O programa amplíase dende as illas a espazos senlleiros. Nos últimos cinco anos produciuse unha suba de 2.498 novos voluntarios

06 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se primeiro foi o parque natural das Illas Atlánticas quen se beneficiou do bo facer dos voluntarios ambientais da Xunta, agora serán as ribeiras de bosque atlántico do río Eume, co seu parque das Fragas, o que presuma de vixiantes e coidadores deste espazo ecolóxico senlleiro.

As consellerías de Política Social e a de Medio Ambiente levan o seu programa de voluntariado á tempada invernal, cos ollos postos naquelas zonas de grande valor paisaxística a preservar. Deste xeito, oito voluntarios traballan desde onte, e ata o 11 deste mes na erradicación de plantas alleas na contorna das Fragas do Eume, cunha brigada experimental que velará para que a biodiversidade deste espazo no se vexa deteriorada. Os voluntarios farán traballos de coidado e conservación dos ecosistemas, integrando os seus valores naturais e sociais. Algunhas especies alleas a Galicia constitúen unha auténtica teima. O seu control, e cando procede, a súa erradicación, son necesarias para que estes espazos manteñan o seu equilibrio. Agora, as beiras do Eume semellarán un pouco máis virxes pola labor do voluntariado.

De feito, o programa do Voluntariado Ambiental ven de triunfar tralas accións desenvolvidas desde o mes de maio nas Illas Atlánticas, concretamente no arquipélago das Cíes (durante unha ducia de xornadas), no das Ons, (na que seis voluntarios traballaron arreo cinco días), e en Sálvora e Cortegada (estas últimas contaron con quendas de oito voluntarios). Nestes espazos, auténticas xoias galegas, un total de 291 voluntarios maiores de dezaseis anos participaron nas actividades de conservación, coordinados en todo momento polos técnicos do propio parque, e colaborando tanto en tarefas de oceanografía e recursos mariños coma nos eidos de fauna e flora. Todos os voluntarios ambientais tiveron cuberta a súa manutención, ademais do aloxamento e o material, e dun seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Aumento de efectivos

O exitoso programa do Voluntariado, que desde a Xunta pretende fomentar a participación da xente nova na concienciación do valor natural de Galicia e o seu coidado, conta cun Rexistro de Acción no que están inscritas 869 entidades activas e 38.887 persoas voluntarias. Aínda que nos últimos cinco anos ven de se incrementar o seu número considerablemente coa incorporación de 2.498 novas altas. Dito rexistro, no que Galicia é pioneira, permite aos colaboradores a expedición dunha certificación oficial da experiencia voluntaria, recoñecemento que lles permitirá engadir aos seus currículos e, sen dúbida, axudará a que medren as súas oportunidades de acceso a un posto de traballo.

O voluntariado está a ser unha das pezas clave das consellerías de Política Social e Medio Ambiente da Xunta. É a Dirección Xeral da Xuventude quen ven de coordinar estas intervencións. O vindeiro exercicio do 2016, o seu departamento, viu incrementados os seus orzamentos nun 15 %, ata chegar case aos 9,5 millóns de euros. En particular, as axudas que impulsan ao voluntariado dirixidas a entidades locais e outras asociacións veranse incrementadas en pouco máis dun 4 %. Con esta aposta no Eume, a Xunta quere espallar a forza dos voluntarios ata o último recuncho de Galicia.