Explosións, tiroteos e incendios son recreados na serie, que hoxe estrea un novo episodio
07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Galicia Serramoura (que esta noite, a partir das 22 horas, emite un novo episodio) converteu o uso dos efectos dixitais nunha das súas mellores bazas para achegar maior espectacularidade ás tramas. Explosións, tiroteos ou incendios son só algúns dos efectos visuais dixitais que ten que recrear o equipo de posprodución da serie e que conviven con outros menos rechamantes, pero indispensables para achegar veracidade no seu universo.
Para Carolina Lorenzo, técnica de VFX (efectos visuais) de Voz Audiovisual, os efectos dixitais son coma coser: «Nunha pantalla vas colocando os elementos para que sexa crible». Lorenzo destaca que o uso dos efectos dixitais en ficción volveuse imprescindible: «O que fan os VFX son dúas cousas. Por unha parte, solucionan problemas de produción, como algún erro que se comete gravando, sombras difíciles de evitar ou algún micrófono que entra en plano; e, por outra, permite colocar elementos nos decorados que no momento de gravación non están dispoñibles, como os vídeos que inserimos nun televisor».
Pero, sen dúbida, «o máis rechamante é o uso dos efectos dixitais para crear contornas que parezan reais, pero que serían perigosas, custosas ou imposibles de gravar», como as explosións ou os incendios.
Non obstante, Carolina tamén destaca o traballo que se realiza en VFX para dar maior protagonismo aos disparos ou ás feridas: «Aínda que se poden simular con efectos visuais ou con maquillaxe na propia gravación, ás veces son moi difíciles de calibrar, e moitas veces é necesario aumentar o efecto en posprodución».
En cada episodio de Serramoura pode haber entre 10 e 70 planos con efectos dixitais. «Nalgúns casos, en tres días pódese ter un episodio con todos os efectos, pero noutras ocasións necesítase ata unha semana».
Os VFX comezan a planificarse moito antes de que teña lugar a gravación. «É habitual que o equipo de guión pregunte pola posibilidade de facer determinado efecto antes de escribir a trama. Sempre se acaba facendo, porque cando che propoñen algo novo sempre é un reto», afirma.
Pero os VFX non afectan só ao departamento de posprodución. «Os VFX tamén afectan á gravación, porque tes que planificar como se vai realizar ese efecto, e tamén afectan á montaxe, porque nese momento é cando se decide en que toma vai o elemento; asemade implican a son e a etalonaxe, que é onde se dá a cor final que integra toda a serie».
Aínda así, o paso previo para conseguir un bo efecto dixital é a gravación. Todos os departamentos necesitan coñecer que vai ocorrer na secuencia e como vai levarse a cabo. «Se un efecto leva chroma, hai que telo en conta para facelo seguindo unhas directrices. Tempo despois recibo os planos que se utilizan na montaxe para inserir os efectos e, unha vez feitos, xa os paso a son e a etalonaxe para darlle o resultado final, que é o que verán os espectadores en emisión».
Facendo un repaso polos efectos que Carolina tivo que facer en Serramoura destaca un dos incendios que afectaron aos montes da vila. «Foi unha secuencia moi longa, na que se pasaba por diferentes localizacións ata que os actores se xuntaban nun punto e acababan rodeados de lume e fume. Había planos nos que o chroma só cubría unha parte do plano e tiña que facer a integración entre imaxe real e os elementos que engades como efecto».
O USO DO «CHROMA»
As secuencias planifícanse moito antes da gravación en función de se é preciso empregar efectos especiais ou non. ««Se un efecto leva chroma [fondo verde que despois se sustitúe por outra imaxe] hai que telo en conta para seguir unhas directrices»
UN INCENDIO NOS MONTES DA VILA
A especialista en efectos visuais destaca o traballo levado a cabo nun dos incendios recreados nos montes da vila. Na escena «os actores se xuntaban nun punto e acababan rodeados de lume e fume».
EXPLOSIÓNS PERIGOSAS
«O máis rechamante é o uso dos efectos dixitais para crear contornas que parezan reais, pero que serían perigosas, custosas ou imposibles de gravar», como as explosións ou os incendios, afirma Carolina Lorenzo.