Os clubs arousáns, permeables a levar a Liga ao 30 de xuño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

ADRIAN BAULDE

As directivas dos equipos de Terceira e de Preferente priorizan con todo a situación sanitaria

20 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, comparecía o martes ante a prensa. No terceiro día de confinamento xeralizado e de restrición de boa parte da actividade en España tras o decreto de estado de alarma, Rubiales quixo trasladar que a postura do seu ente é a de, unha vez se ergan as medidas de excepcionalidade contra a propagación do coronavirus COVID-19, terminar todas as ligas de España así haxa que levalas máis aló do 30 de xuño, data oficial de peche das tempadas no balompé. Postura que defende tamén a Federación Galega.

Preguntados pola cuestión, os cinco equipos arousáns que militan na Terceira e na Preferente coinciden en dúas cousas. En considerar factible levar as competicións a lo menos ata o límite temporal da tempada, isto é, o 30 de xuño. E en opinar que é demasiado pronto para entrar en profundidade no asunto, priorizando a posta dos cinco sentidos en colaborar na superación da maior crise sociosanitaria que recorda España en moitas décadas.

O presidente do Arousa, Manolo Abalo, declara respecto ao criterio das federacións que «me parece o normal querer acabar as ligas. O tema é ver se o conseguimos». Poñendo por diante que «o que hai que pedir agora é que haxa sorte con este virus», di que «o normal é que a competición se termine, e terminala como debe ser. Se hai que ampliar as datas, haberá que buscar a fórmula».

Desde o Ribadumia, líder do grupo sur da Preferente, Toño Serantes, o seu presidente, ve relativamente factible poder levar a Liga ata o 30 de xuño, «meternos en xullo sería un problema». Con todo, salienta que «neste momento nin penso no tema. O prioritario é a saúde. O fútbol é secundario neste momento. Se esta crise bota 2-3 meses, vai ser totalmente inviable rematar a competición».

«Pola miña parte se hai que botar ata o 30 de xuño, pois ben, sempre que os xogadores queiran seguir ata entón. Pero non sei como van reaccionar», sinala o mandatario do Vilalonga, Marcelino Muñiz. Daniel González, Fol, voceiro da directiva do C.J. Cambados, considera que «de momento, inda hai datas para rematar a competición» en espera de como evolucione a crise do coronavirus, advertindo con todo de que «nós -polos equipos da Preferente- non poderiamos xogar entre semana, como si pode facer o fútbol profesional». Álex Zels, voceiro da directiva do Céltiga, considera que «todo o que pase do 30 de xuño é unha loucura», poñendo por diante que «agora mesmo todas as opinións son falar por falar».

Os xogadores seguen un plan de traballo personalizado

Ninguén, nin o maior experto científico na materia, se atreve a aventurar un horizonte final máis ou menos concreto á crise polo coronavirus COVID-19, nin á necesidade das medidas extraordinarias que o goberno central se víu na obriga de poñer en marcha. Así as cousas, os preparadores físicos dos cinco equipos arousáns de Terceira e de Preferente elaboraron plans específicos de traballo para os futbolistas de cadanseu conxunto para tentar que manteñan o ton físico máis elevado dentro das limitacións físicas de cada quen no confinamento nas súas vivendas.