José Manuel Domínguez: «Pídolle ás comisións que apracen e non anulen, ten que haber festas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

SOCIEDAD

marcos creo

Leva 40 anos no mundo das verbenas, un sector que ve máis complicado ca nunca

08 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana o mal tempo impediulle saír á terraza da súa casa de Rianxo para animar aos veciños, pero a anterior, tanto o sábado como o domingo, José Manuel Domínguez ofreceu dúas sesións vermú que lle permitiron aos que residen nos arredores da súa vivenda gozar do ambiente propio dunha verbena galega. Ten previsto repetir a experiencia, pois, como recoñece, pouco máis ten que facer neste confinamento que supuxo un parón total para a súa empresa, a orquestra Abanico, da que é propietario e tamén un dos cantantes.

Domínguez arrancouse a levar a cabo estes directos despois do éxito que tiñan os vídeos dos ensaios que ía colgando no Facebook: «Empecei a gravar unha canción polas tardes e a subila ás redes sociais. Foi a xente a que me pediu, a través de mensaxes, que cantase en directo». Experiencia para facelo non lle falta, pois este compostelán que reside en Rianxo desde hai máis de tres décadas leva 40 anos ligado ao mundo da música. Comezou nun grupo de afeccionados denominado Brais, fundado na Colexiata do Sar, pero non tardou en dar o salto ás verbenas. Formou parte de Fantasía, Galáctica, París de Noia, Costa Oeste e Gran Parada, ata que no 2002 decidiu fundar a súa propia orquestra animado por un bo amigo.

Non se arrepinte da decisión tomada, aínda que recoñece que as verbenas xa non son o que eran e que o sector está cada vez máis complicado. «Abanico funcionou moi ben no pasado, pero xa levabamos unha tempada pasándoo mal antes de que chegara o coronavirus. As medianas orquestras coma esta quedaron tocadas coa última crise, porque as comisións de festas que teñen cartos aspiran a grandes formacións, e as que non teñen recorren a grupos pequenos».

A orquestra do rianxeiro está integrada por 17 artistas. Viña traballando só nos meses de verán e José Manuel Domínguez teme que, este ano, nin iso: «Cando nos encerraron xa dixen que me daría cun canto nos dentes se podemos volver aos escenarios en xullo ou en agosto, pero cada vez véxoo máis difícil. O verán vai estar moi complicado». Consciente de que son moitos os que, coma el, están na corda frouxa, o rianxeiro fai un chamamento: «Pídolle ás comisións que apracen e non anulen, ten que haber festas». Sabe que non será doado: «A nós xa nos anularon unha actuación para o 24 de xullo porque din que non lles vai dar tempo a reunir os cartos, e iso vai pasar con outras moitas celebracións».

Repertorio variado

Aínda que aos seus 61 anos xa podería empezar a pensar na xubilación, el quere seguir cantando. É o home máis feliz do mundo cando recibe os aplausos e o cariño do público: «Cando fixen os directos desde a terraza colgueinos no Facebook, e en dous días tiña máis de 5.000 reproducións, algunhas de xente de América. Iso non hai cartos que o paguen». Seguir regalándolle boleros e baladas a todos eses seguidores é o seu soño, aínda que el adáptase ás peticións do público: «Empecei nas orquestras cando só había un cantante e tiña que facer tódalas voces, incluso as femininas. Esa foi a miña grande aprendizaxe».

Miguel Ríos, Marc Anthony, Luis Miguel e o gran Nino Bravo nunca faltan no repertorio de José Manuel Domínguez, ao igual que Tom Jones, Camilo Sexto e Manolo Escobar, ao que se refire como o rei da copla: «Se faltan os seus temas nunha verbena parece que non hai festa». Galicia tamén está presente na súa escolla de cancións preferidas: «No inverno, cando fago actuacións en solitario, nunca omito a Los Tamara nin a Pucho Boedo».

Á hora de ofrecer un concerto na actual situación, o artista de Rianxo considera que o Resistiré é un imprescindible: «Recoñezo que é unha canción que sempre me gustou especialmente». Pero se el tivera que elixir un tema para esta crise ese sería un de Diego Torres: «Color esperanza, porque nunca se pode perder. Igual se tarda un pouco, pero desta imos saír».