Veloso: «Aos cinco minutos era como se non me tivera baixado da bicicleta»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

MARTINA MISER

O vilagarcián apunta que precisará duns días para comprobar o seu estado real na volta ao contacto coa estrada

03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte anos recorrendo estradas de medio mundo no pelotón profesional proporcionan unha bagaxe inmensa, de incalculable valor para levar unha situación única e, confiemos, irrepetible coma a do confinamento pola pandemia do covid-19. Axudado tamén, xusto é dicilo, pola práctica dun deporte no que o rodillo permite manter un considerable nivel de parecido coa realidade do asfalto, Gustavo César Veloso regresaba a primeira hora da noite de onte do seu primeiro adestramento no medio do estado de alarma facendo bo aquilo de que quen aprende a montar en bici non esquece nunca como facelo.

«Os primeiros 5 minutos sentínme un pouco raro na bicicleta, por levar tanto tempo no rodillo. Pero despois, foi coma se non me tivera baixado dela», comentou o bicampión da Volta a Portugal, vencedor dunha Volta a Catalunya e dunha etapa da Vuelta a España.

Máis aló do deportivo, o que máis notou Veloso foi o cambio ambiental: «Si que tiven unha sensación un pouco estraña despois de 45 días sen saír da casa a adestrar, como cando volvo dunha concentración en altura. Vin a vexetación moi crecida, o monte moi cambiado».

Veloso agradece «volver sentir o aire na cara». Con todo, a única ocupación da súa cabeza é cumprir co seu obxectivo. E este non é outro co de «seguir levándoo con paciencia, con tranquilidade, mantendo a forma que tiña antes do confinamento, para estar en condicións o día que poidamos volver competir». E en que punto se atopa neste momento tras mes e medio de traballo na casa só o saberá, di, «cando leve 3-4 días de volta á estrada».