«Come a comarca» cociña este martes un menú típico de Terra de Trives

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite ás 22.30 horas o quinto programa do concurso reality gastronómico de recetas tradicionais

09 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Come a comarca, o programa de reality gastronómico de Televisión de Galicia presentado por Fran Cañotas e no que cinco cociñeiros afeccionados viaxan a distintas comarcas galegas para coñecer os seus pratos típicos, chega hoxe ao seu quinto programa. A zona visitada esta noite, a partir das 22.30 horas, será Terra de Trives, onde se achegarán aos segredos da súa gastronomía e aprenderán a elaborar o menú máis tradicional da comarca. Estará composto por empanada de polo feita con fariña de castaña, guiso de tenreira e, como sobremesa, unha bica de Trives.

Nesta ocasión, Anxo Trives, do Hostal La Viuda, será o encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía desta terra. Con el irán xunto a cooperativa Amarelante, en Manzaneda, a apañar castañas e ver como pasan do seu estado natural a converterse nesta prezada fariña. Con ela viaxarán ata San Xoán de Río, onde Carmen lles ensinará a traballala para facer a popular empanada.

En Chandrexa de Queixa visitarán a gandería Galupa, onde aprenderán todo sobre as carnes da tenreira: dende a súa crianza ata os mellores trucos para cociñala. E, por último Pilar, veciña de Trives, ensinaralles a facer a sobremesa por excelencia da comarca: a bica.

Unha vez desvelados os segredos destas tres receitas tradicionais, os cinco cociñeiros afeccionados do equipo do programa enfrontaranse nun concurso popular, celebrado no Polideportivo Municipal de Trives, aos mellores cociñeiros da comarca na elaboración deses pratos. Os contrincantes serán Luisa Villarino e Maribel Vázquez, da Cantina do Catro (Trives); Isabel Prada e Eliana Murias, de Casa do Agenor (Trives), e José García, da panadería Terras de Trives (Trives). Un xurado popular composto por quince veciños da comarca será quen decida que equipo desenvolve unha mellor habilidade nos fogóns elaborando estes pratos.

Ata o momento, nos catro programas emitidos os concursantes afeccionados levan catro derrotas, xa que polo de agora non puideron impoñerse aos chefs profesionais das comarcas visitadas. Pero en varias ocasións estiveron preto da vitoria. A tensión por conseguila aflorará esta noite nos concursantes.