
TVG estrea este domingo, ás 22.30 horas, a derradeira temporada deste «thriller» rural de gran éxito
13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo ás 22.30 horas, Televisión de Galicia estrea os últimos episodios de Serramoura, cos que a ficción despedirase dos seus seguidores. A actriz Lucía Regueiro e o actor Antonio Mourelos, Marga Neira e Evaristo Fiúza, avanzan as claves da temporada final.
Pregunta. Achégase o final de Serramoura. Como o viven?
Lucía Regueiro. Eu estouno desexando porque hai un tempo que gravamos os episodios e un cando grava algo está desexando que a xente o vexa e que todo o mundo saiba que é o que pasa. Algo de nervios si que hai e tamén certo grado de emoción.
Antonio Mourelos. Eu estou impaciente por ver o resultado destes capítulos porque por lectura dos guións xa consta que son moi potentes. Tamén hai sensación de querer pechar algo que, aínda que xa o pechamos hai un ano, falta poñer o broche final e acabar esa relación de amor coa serie e poder dicir: acabouse.
P. Que atoparan os seguidores da serie nesta última temporada?
A.M. A calquera que a siga vaille encantar. Serramoura vai ter un final absolutamente redondo, impactante e emotivo. A miña sensación é que a serie ten o final que merece. Son episodios nos que os seguidores van quedar cun recordo que non se pode borrar e cunha sensación de que rematou, pero mereceu a pena.
L.R. E eu engadiría que os seguidores van gozar pero sufrindo [ri]. As relacións e as personaxes de Serramoura están tan definidas que calquera que se sume nesta última temporada pode entendelas e engancharse. Hai moitas tramas que pechar e non imos dar descanso ás emocións do espectador.
P. As súas personaxes representan ás grandes familias da serie que marcan a vida na vila de Serramoura: os Neira e os Fiúza, ás que habería que engadir os Soutelo. Por que teñen tanto peso?
A.M. Serramoura é unha serie galega ambientada en Galicia e aínda que sexa un thriller, o rol familiar é moi importante e ten un peso específico, é unha forma de chegar ao público de xeito directo. As relacións familiares dan moito xogo a nivel universal e a nivel galego é moi noso.
L.R. Ademais creo que foi unha das claves da conexión coa xente. Galicia é familia, é terra, é as propiedades familiares, esas pequenas disputas cos marcos, con estes eucaliptos son meus, e está recollido en Serramoura. A estrutura básica son as familias e por iso foi un dos acertos da serie.
P. E que outros factores pensan que influíron no seu éxito?
A.M. Creo que é unha serie que está moi ben escrita. A primeira temporada paréceme un prodixio de guión. Tamén gústame dicir que neste caso houbo un acerto tremendo co reparto. Creo que estaba tremendamente equilibrado e a interacción entre os actores era moi boa, o ambiente de traballo era moi bo, e iso nótase nas secuencias. Se traballas a gusto o resultado sempre vai ser mellor, sexa o que sexa. Tamén axuda o xénero porque o thriller en Galicia gusta. Tamén hai un moi bo traballo dos diferentes equipos e unha produción que ten que facer moitos esforzos para sacar adiante un proxecto cun presuposto tan baixo.
L.R. Eu subscribo todo o que di Antonio e engadiría outro facto como o propio ambiente da ficción, ser unha vila madeireira, ver os montes e ver que pasaban cousas tan interesantes nunhas paisaxes tan recoñecibles para tanta xente. Estamos falando dunha serie que emite Televisión de Galicia e falamos de proximidade. Tamén foi moi importante a conexión dos espectadores coas personaxes.
P. Aínda que Marga e Evaristo compartiron poucas tramas na ficción, como é traballar un ao lado do outro?
L.R. Antonio e máis eu estamos condenados a ser inimigos na ficción [ri], e afortunadamente amigos moi queridos na vida real. A vez anterior que coincidín con Antonio foi en Libro de familia, onde xa me facía a vida complicada, e en Serramoura 173 episodios deron para moito e as personaxes pasaron por moitas cousas. Comezaron vendo a vida totalmente diferente e despois foron evolucionando. Creo que Evaristo e Marga estaban condenados a entenderse dalgunha maneira porque na serie todos os fíos estaban conectados e as personaxes teñen que acabar entendéndose. Isto en canto á ficción. A nivel persoal, traballar con Antonio é un luxo, un privilexio e un pracer. Xa desde a sala de actores onde sempre pasan cousas chulas ata no plató, porque Antonio é un deses actores que da moito e cos que é un pracer traballar porque fan que as cousas flúan e é moi xeneroso.
A.M. Eu vou ser moi directo e moi claro. Eu cando collía os episodio e lía os capítulos, sobre todo ao principio, buscaba se tiña algunha secuencia con Lucía porque me apetecía. Lucía ten unha presenza, máis alá de que namore cos seus personaxes, namora ela mesma e fai que desexar traballar con ela sexa un pracer e iso pásame con moi pouca xente. Volver a traballar con ela sería moito máis que un pracer. Eu estaría horas falando de Lucía.
«Hai que seguir facendo ficción en Galicia para Galicia, pero traballar e producir para que se vexa en todo o mundo»
Lucía Regueiro e Antonio Mourelos son actores cunha longa carreira ás súas costas.
P. Pensan que o éxito de Serramoura, tendo en conta a situación da ficción neste momento, podería repetirse de novo?
A.M. Eu creo que a situación do audiovisual non está ben, do mesmo xeito que non está ben a situación en xeral. A cultura non está pasando polo seu mellor momento polo que xa sabemos, e iso pode facer que se aproveite a situación para reducir o pequeno espazo que xa tiña. Aínda que parece que o audiovisual vai ben, honestamente creo que non, e creo que cos tempos que veñen vai ser moito peor. Teño moi claro que se o audiovisual galego non conta coa locomotora que é a TVG, pode ter os días contados.
L.R. Estou de acordo. Penso que a situación está moi mal e a percepción que se ten das plataformas pode dar lugar a confusión. Desde o meu punto de vista, o audiovisual galego xurdiu da nada pola aposta da TVG con fitos como Mareas Vivas, Rías Baixas ou mesmo Libro de Familia... Todo iso fixo que agromase un sector que non existía. Hai que seguir facendo ficción en Galicia para Galicia aínda que, por suposto, traballar e producir para que se vexa en todo o mundo. Temos que poder producir aquí, poder vivir aquí. Hai moito que non nace ningún produto audiovisual co que poidas traballar cinco anos como en Serramoura.