Conexión con Galicia e retranca, a exitosa fórmula do «Atrápame»

Mónica Pérez
M. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

O programa pon tamén especial atención aos perfís dos concursantes

07 nov 2021 . Actualizado a las 13:54 h.

Nostalxia, retranca, un presentador con dotes para o canto e a imitación e uns concursantes dispostos a pasalo ben nun concurso de preguntas e respotas. Esa é a carta de presentación do Atrápame se podes, o concurso da Televisión de Galicia producido por Voz Audiovisual que é líder do prime-time en Galicia.

Entre os segredos da pócima máxica que conquista a boa parte dos galegos desde este verán, están tamén unha especial atención a cada unha das preguntas que se formulan no concurso, que non son poucas (entre 80 e 100). «Cada pregunta está considerada unha unidade creativa, plantexanse sempre cun obxectivo, que pode ser aprender, rirse ou un punto de nostalxia», explica Iago García, director do programa.

Cando este proxecto chegou as súas mans xa se emitía noutras canles autonómicas e o equipo do Atrápame se podes tivo claro que tiñan que darlle «un toque galego». «Cremos que é fundamental», engade. A ironía e o humor pareceronlles dúas maneiras de diferenciarse doutros concursos culturais, pero tamén a morriña.

«Soan cancións dos 70 e dos 80, deses artistas galegos que son facilmente recoñecibles por todos nós, de Ana Kiro, Xil Ríos, Juan Pardo...», apunta García, que suliña que fan especial fincapé en poñer a vista atrás tanto no eido musical como audiovisual.

E despois no programa tamén lle dan moita importancia ao cásting. «Poñémoslle moita atención a todos os perfís para que estea Galicia representada na pantalla. Para facer esa foto fixa detémonos moito en estudar a cada concursante», afirma. Cómpre destacar que boa parte dos participantes estreánse ante as cámaras no concurso.

O mestre de cerimonias do Atrápame se podes, Paco Lodeiro, destaca a importante «proporción de preguntas que teñen que ver con nós, etnográficas ou localistas, que nos permiten retratarnos un pouco máis. Hai un traballo de guion que se esforza en que as preguntas que se fan estean conectadas coa xente».

Pero tamén pon en valor a escolla dos concursantes e sinala que «entre os cinco que concursan hai a posibilidade de que todos os espectadores se sintan identificados con algún deles, ou por idade, porque viven na mesma localidade ou por afeccións»

Sobre o seu papel como presentador di que a súa labor é «facer que a cousa vaia a bo ritmo, máis aló das preguntas, tamén deternos un pouco en cousas dos concursantes, sen que iso corte o ritmo do programa, pero si ir aprobeitando os recursos que nos da a xente que vén a concursar».

O Atrápame se podes emítese as noites de sábado a mércores a TVG acadou na última semana unha media de 122.600 televidentes, o que supón un 14,16 % do share.

Este martes día 9 de novembro celebrase unha proba de selección nas instalacións da produtora Voz Audiovisual en A Coruña. Os interesados deben acudir de forma presencial a partir das 11.00 horas. No caso de non poder asistir poden enviar un correo electrónico cos seus datos de contacto a atrapamesepodes@crtvg.gal.