TVG emite este mércoles, ás 23.10 horas, o concurso de reformas que ten como premio unha casa
16 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Sariña busca pretendentes, o concurso presentado por Lucía Regueiro no que nove parellas compiten por levarse como premio unha casa, a que eles mesmos rehabilitan durante o programa, volve esta noite a partir das 23.10 horas á grella da Televisión de Galicia. Neste novo programa as tres parellas enfrontaranse a unha proba que fará estoupar para sempre o bo ambiente que reina na reforma, xa que algúns equipos veranse obrigados a traballar cos seus rivais, o que pode ocasionar máis dunha disputa. Cando chegue o final do programa tocará poñerse serios. O xefe de obra, Suso Mallo, terá que valorar os avances na reforma, e os voceiros de Erbecedo, a relación coa veciñanza para repartir as dúas chaves que están en xogo.
—Que pode adiantar do programa desta noite?
—Esta noite na parte de obra, que é a que me toca, imos ver un barullo total en todas as parellas que terán que ir reorientando. Tampouco vai axudar moito a recompensa do xogo de habilidade porque pode tanto prexudicar como beneficiar. Non podemos esquecer que a semana pasada a parella azul, formada por Rosa e Iván, conseguiu a chave da obra e que a dos veciños foi para a parella verde, formada por Celia e Vanesa, polo que os profesionais terán que esforzarse moito neste programa para igualarse cos seus compañeiros.
—«A Sariña busca pretendentes» é a súa primeira incursión na televisión. Como está vivindo a experiencia?
—Eu estou vivindo a miña participación con moita ilusión e, ata o de agora, sorprendeume gratamente a experiencia. Xa despois de levar tantos meses co equipo do programa, que é dun calibre espectacular, podo asegurar que pagou a pena.
—Ten un estudio de arquitectura e enxeñaría. Por que decidiu embarcarse nun proxecto deste tipo?
—A verdade é que un profano no sector do audiovisual coma min apareza participando nun programa desta entidade é todo froito da casualidade. A Sariña busca pretendentes é un reto apaixonante para min e como é tan diferente ao que fago normalmente tamén o tomei con moita curiosidade. En canto ao programa en si mesmo, o maior reto ao que me teño que enfrontar é que os concursantes vaian somatizando as miñas indicacións e verlle unha mellora paulatina na actitude e no traballo feito.
—A pesar de ser a súa primeira vez, véselle cómodo no programa. Que sensacións tivo despois da emisión do primeiro episodio?
—Eu desfrutei moito vendo o primeiro programa de A Sariña busca pretendentes, xa non só pola curiosidade de ver a miña participación, senón por ver o resultado no seu conxunto. Entre todas as cámaras que hai no programa estamos gravando moitas horas e ver como se comprime e se lle saca tanto partido en 60 ou 70 minutos é moi impactante. En canto ao día despois da emisión, a verdade é que recibín moitas chamadas e mensaxes. O que máis me din os meus coñecidos é que estou moi serio, pero todos acaban transmitindo os seus parabéns porque A Sariña busca pretendentes é un programa moi entretido. Tamén estou moi agradecido pola acollida que tivo Lucía comigo e quero aproveitar para agradecerlle moito o seu. Grazas a ela gañei moita confianza e seguridade, xa que aínda que ela ten que desenvolver o seu labor, estivo e está moi pendente de min.
—En «A Sariña busca pretendentes» a reforma da vivenda é un aspecto fundamental. Como valora as parellas nesa parte?
—Para min é moi importante valorar aspectos como a actitude, o grao de compromiso, a seguridade, a orde e a limpeza das estancias nas que as parellas fan as súas misións. Todo isto é fundamental.
—Igual de fundamental é o seu papel, xa que reparte unha das chaves do programa. Como leva esa responsabilidade?
—A min gústame traballar e se podo axudar a conseguir os resultados marcados en cada misión é perfecto. Pero cando toca a hora do veredicto a cousa cambia. Eu non estou acostumado a facer eses labores, son máis de encherme de po que de estar valorando o traballo da xente, pero o que está claro é que nas miñas decisións a obxectividade é absoluta.
—Todo o que se ve no programa é real? Son os propios concursantes os que fan os traballos?
—Efectivamente. Todo o que se ve na obra de A Sariña busca pretendentes é real e os traballos os levan a cabo os propios concursantes. Tamén é certo que os traballos que quedan por facer remátaos o equipo do programa, pero antes diso eu teño que pasar revista e valorar o que fixeron as parellas durante o programa.
—Como é a súa relación con elas no programa?
—Eu cos concursantes teño moi pouca relación agás no que se pode ver por cámara. Non quero ter ningún tipo de relación para que non me traballe máis o corazón que a cabeza á hora de valorar o traballo que realizan durante a obra, porque iso non sería bo nin para eles nin para o programa. Sempre lles lembro que me poden facer todas as consultas que necesiten para poder axudalos e buscar a mellor solución posible aos problemas que van atopando.
—Como veciño da zona, como valora o rol do xurado popular e a implicación dos veciños de Coristanco?
—Todos os veciños están moi involucrados e desexan que o censo de Coristanco aumente. Iso si, con quen eles queiran. O que está claro é que o programa vai demostrar que cos medios de transporte e comunicacións, aínda que sempre hai marxe para a mellora, vivir no campo non só aporta unha calidade de vida que non se atopa na cidade, senón que tamén podes dar cunha xente verdadeiramente entrañable.