Xosé Ramón Gayoso: «''Luar'' é unha verbena interminable»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN

SOCIEDAD

O presentador do programa adianta que «o que máis nos vai sorprender o próximo venres é o que xa vimos». O programa celebra mañá o seu trinta aniversario cunha gran festa

23 sep 2022 . Actualizado a las 09:59 h.

Entrementres prepara xa o primeiro Luar da temporada 31 do programa, o do venres 30 de setembro, Xosé Ramón Gayoso (A Coruña, 1956) saca un anaco para facer balance das tres décadas que leva sendo a cara máis visible do lonxevo programa da TVG.

—Trinta anos de programa, xa se di pronto. Que balance fai deste tempo?

—Positivo ao 100 %, sempre se puido facer mellor, como todo na vida, pero puxémoslle toda a ilusión e a paixón do mundo en tratar de facelo. E ao final, trinta anos un programa de televisión co nivel de audiencia que temos, conséguese estar todo o tempo grazas ao público. Sería impensable que Luar seguira se os espectadores non respondesen, sería inviable, insostible. Así que o noso agradecemento ao público, que é quen nos levou a celebrar este aniversario.

—Pensaron que estarían tres décadas na pantalla?

—Sempre contamos a mesma anécdota, que cando rematamos a primeira temporada de Luar, Manuel Abad [director do programa] e máis eu falamos co director da CRTVG, José Rodil e tivemos unha conversa moi curiosa: «De Luar podemos facer outra temporada? Eu penso que ben aguanta». [Ri]. Aí hai un punto de inflexión. Desde un comezo fíxose un esquema no que se apostaba pola música galega, sumado a artistas nacionais e internacionais de renome, cunha participación moi activa de Portugal. Na segunda temporada de Luar aparece Mercedes Peón, que abre unha corredoira: a da música tradicional no sentido máis puro da palabra. Con ela comezamos a coñecer xente que conservaron viva a tradición oral herdada de xeración en xeración. Nos seráns contábanse contos, tocaban as latas de pimentón, bailaban, cantaban,... e transmitíase de pais a fillos. E así descubriuse algo que era historia do noso país, verdadeiros tesouros agochados, e subimos ao escenario a toda esa xente maior que viñan a cantarnos o que lle contaran os seus avós. Aí é onde Luar se dispara. Non podíamos pensar hai trinta anos que iamos chegar ata aquí, pero no día a día vas descubrindo a xente polo camiño marabillosa.

—«Luar» traspasa fronteiras, porque máis aló da emigración, tamén se ve no resto de España.

—Segue sorprendéndonos, porque estas expresións do baile e do canto son moi nosas, temos unha cultura propia, de seu. E pensamos moito na nosa parroquia, non nun malagueño. Pero de súpeto recibes unha chamada de dous malagueños que che din que «aprendemos galego vendo o programa». E preguntamos cal dos dous é galego, e din que ningún. «E que nos gusta o programa, as bandas de música, os grupos de baile». Ao final sempre hai semellanzas nesas expresión populares que saen do pobo, e iso enténdese perfectamente. Agrádanos o feito de que Luar sexa entendido fóra de Galicia.

—Cal pensa que son os puntos fortes do programa agora mesmo?

Luar era un programa que duraba unha hora e vinte nos seus inicios. Agora estamos practicamente nas catro horas de directo. Luar é unha verbena interminable na que buscamos entreter á xente que está na súa casa. E por iso temos moita música, nosa e de fóra, para todos os gustos, tamén hai concursos como o de Recantos, que é unha procura de novos talentos, e polo tanto máis música. E é un concurso moi querido polo público. A mestura da cultura escénica galega cos artistas que veñen de fora, que ademais, sempre que veñen, luarizámolos.

—Séguese a poñer tenso cada venres ante de comezar?

—Sempre, sempre. E cada vez máis. Os nervios dos primeiros programas non, son outros, agora tes experiencia, que te saca de moitas situacións. Pero nesta profesión, por desgraza, vales o que pasou no último programa, e o sentido da responsabilidade atenaza moito, crea unha sensación de tensión moi estraña. Cando chega o xoves sinto unha especie de desacougo, físico e mental. Comézame a pasar cando chego ao plató o venres e desaparece cando comeza o programa.

—Que pode adiantar do «Luar» deste venres?

—O que máis nos vai sorprender deste programa e o que xa vimos, imos tirar de nostalxia. E Treixadura vainos dar un final de programa apoteósico.