Miguel Rodríguez Quelle, director de Sociedade Dixital da Amtega: «Cada vez acceden máis persoas maiores e máis nenos ás aulas CeMIT»

María Meizoso REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Miguel Rodríguez Quelle, director del Área de Sociedad Digital de la Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Miguel Rodríguez Quelle, director del Área de Sociedad Digital de la Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Subliña o esforzo para achegarse aos colectivos máis vulnerables e atendelos

10 oct 2023 . Actualizado a las 23:19 h.

O director da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Miguel Rodríguez Quelle, incide na importancia de expoñer todo o que se está facendo no tocante á mellora das competencias dixitais. «Non temos feito o suficiente para que se coñezan ben, entre a sociedade galega, todas as ferramentas que poñemos á súa disposición», precisa.

—Como se estrutura a oferta pública de formación actual?

—É moi ampla. Por un lado, temos un convenio coa Fegamp co obxectivo de manter unha estreita colaboración con concellos e deputacións e así poñer á súa disposición a rede de aulas dos CeMIT que está dispersa por todo o territorio. Neste momento, esa rede conta con 91 aulas repartidas polas catro provincias. Nesas aulas temos diferente material. No seu momento eran só ordenadores de sobremesa e, agora, pouco a pouco, fomos ampliando e modernizando os recursos.

—E no tocante aos itinerarios formativos?

—Hai que destacar o labor importantísimo dos axentes das TIC, porque son eles os que habitualmente fan propostas de formación, son eles os que reciben as necesidades máis específicas de ámbito local. Por un lado, temos esas peticións dos axentes das TIC e, por outro, a oferta formativa que nós poñemos a disposición en todas as aulas dos CeMIT. Na nosa páxina web aparece toda a oferta que temos dispoñible. E, ademais de todo isto, tamén temos formación online para que a xente poida aprender desde as súas casas, sempre que se dea de alta nunha aula dos CeMIT, en materias como o uso de smartphone ou a ciberseguridade. Por último, tamén temos convenios de colaboración con todos os colexios profesionais de Galicia, asociación e federacións.

—O esforzo para introducir todas esas liñas de formación chega aos cidadáns?

—Neste momento hai máis de 120.000 persoas inscritas nas aulas dos CeMIT, pero somos más de tres millóns de galegos, polo tanto deberiamos chegar a cen mil persoas máis. Iso pode significar que non estamos difundindo polos medios axeitados esta rede de aulas ou que non ten excesivo interese a oferta formativa que temos dispoñibles nas aulas. É certo que o número de cidadáns foi medrando nos últimos anos, polo tanto cremos que si que o estamos facendo ben. Pero esperamos que a cifra medre aínda máis. Debemos facer máis fincapé nos vindeiros meses para que o número de usuarios das aulas siga medrando notablemente.

—O perfil dos usuarios das aulas dos CeMIT mudou co tempo?

—Non. Curiosamente, observamos que o perfil das persoas que se achegan ás aulas é similar, pero si é certo que evolucionou. Con este labor que fan os axente das TIC vemos que as competencias dixitais máis básicas fóronse suplindo en gran medida grazas a todos eles. Os perfís son similares aos dos que veñen facendo uso historicamente das aulas dos CeMIT. Ao principio viñan con dúbidas moi básicas, e agora veñen con outras máis evolucionadas. Un 60 % dos usuarios da rede de aulas son mulleres e a franxa maioritaria atópase entre os 45 e os 54, un 20 % dos usuarios. Cada vez acceden máis persoas maiores, de 60 anos en diante, e máis nenos. Iso creo que pode ter que ver coa introdución de equipamento máis disruptivo.

— E o dos usuarios con máis dificultades á hora de acceder ás novas tecnoloxías é o mesmo?

—Iso é complexo. É certo que nosa oferta formativa está orientada a distintos segmentos poboacionais. Diferenciamos moi ben os itinerarios e quizais o segmento ao que máis lle custa ese achegamento ás novas tecnoloxías é o sector sénior, o de máis de 70 anos. Tamén é certo que aí estamos facendo uns esforzos moi importantes para achegarnos a eses perfís, porque son uns dos principais usuarios dos CeMIT. Nestas aulas non só hai formación. Antes non se lles daba valor á titorización das persoas que se achegan as aulas para preguntar polo uso dun smartphone, para meter datos nunha aplicación ou para pedir información sobre como usar a videoconferencia para falar cos netos que están fóra de Galicia. Non tiñamos en conta esa titorización e, a partir do último convenio coa Fegamp, si o facemos como horas efectivas dos axentes das TIC. As persoas máis maiores, en especial as que están establecidas no medio rural, e as persoas con algunha diversidade funcional son as máis vulnerables. Por iso, fixemos un esforzo importante para achegar eses contidos ás mulleres, especialmente do medio rural, e con idade avanzada. Por exemplo, temos un convenio coa Cruz Vermella para levar unha aula itinerante a onde non hai aula dos CeMIT próxima. Tamén temos equipamento específico para persoas con diversidade funcional que rota polas aulas de Galicia.

Gafas de realidade virtual e minirrobots como novidades

Na actualidade, a rede de aulas dos CeMIT está inmersa nun plan de reforma para renovar materiais e dotar os centros de novo equipamento.

—A revolución tecnolóxica tamén esixe dar resposta ás necesidades cambiantes da transformación dixital.

—Esíxenos estar ao día nós. Atopámonos con que hai moita poboación con gran coñecemento dixital e con nenos que veñen a cursos de scratch que despois, ao facer as enquisas, contestan que xa tiñan coñecemento do que lles ofertamos. Chegar ao equilibrio non é fácil porque tes que adaptarte ao que máis sabe e ao que menos. Iso non só nos fai ter que estar ao día, senón tamén facer un esforzo importante no económico.

—Cales foron as últimas incorporacións?

—No último ano fixemos unha renovación de equipamento importante e seguimos con ela. Vimos dotando as aulas de equipamento que non ten moitos precedentes no resto do conxunto do territorio. Por exemplo, incorporamos impresoras 3D, minirrobots ou gafas de radio virtual. En definitiva, material máis disruptivo que xa está a disposición das aulas. Agora co que estamos é co cambio dos ordenadores de sobremesa por outros máis actuais para, con todo iso, poder preparar a mellor oferta formativa. De feito, nestas últimas semanas houbo un curso superinteresante en Ortigueira sobre o uso das impresoras 3D. A través desa ferramenta, fixeron diferentes elementos que poden facilitar a vida a persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional. Unha iniciativa moi bonita, porque se empregou a impresión 3D para facer recursos que axudan á cidadanía.

«Unha das formacións máis demandadas é en intelixencia artificial»

 Nas preto de cen aulas que configuran a rede pública dos CeMIT entrou de cheo a revolución da intelixencia artificial. O interese pola súa aplicación e os seus usos vai en aumento.

—Estará entre as temáticas máis demandadas?

—Efectivamente, unha das formacións que a xente máis demanda é a formación no ámbito da intelixencia artificial. Hai moito ruído arredor disto e entendemos que nos pidan ese tipo de cursos. As ferramentas están aí para poder ser utilizadas, non lles temos que ter medo, aínda que nos últimos meses hai moitos discursos nesa liña. O que tratamos dende as aulas é de que os cidadáns teñan un maior coñecemento, porque a intelixencia artificial non ten que dar medo, non nos vai vir cambiar o paradigma de sociedade. Como en todo, haberá quen a use ben e quen a use mal. Nós, como Administración autonómica, debemos formar a xente para que a utilice ben.

—Algunha máis que destaque?

—Hai dúas ou tres máis que nos veñen reclamando de maneira histórica e que temos recollidas no catálogo dos CeMIT. Por un lado, están as que teñen que ver co uso da Administración dixital, e aquí tamén incluímos o Sergas. E, por outro lado, é certo que, nos últimos meses, tamén están chegando peticións de formación específica no uso dos drons, das gafas de realidade virtual e de impresoras 3D. Isto coincide coas ferramentas novas coas que imos dotando ás aulas.

—E para obter o certificado galego en competencias dixitais que pasos hai que dar?

—Neste momento estamos nun momento de cambio. Ata non hai moito tivemos o Codix, a certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Agora estase evolucionado cara ao certificado galego en competencias dixitais. En Galicia temos un Marco Galego de Competencias Dixitais, tanto en iniciación como en itinerarios medios e avanzadas. E, precisamente, neste momento estamos con esta adaptación dos contidos formativos para que a poboación poida facer uns cursos que poñeremos a súa disposición para poder certificarse nas competencias dixitais que lles faltan, as adicionais ás de ofimática, para poder certificarse en competencias dixitais básicas. Neste momento, a que si temos feita é a certificación en competencias dixital básicas de parte dos empregados públicos e dos axentes das TIC, porque o marco galego establece que para poder formar tes que ter o certificado.