Daniel Conde Ojea: «Preocúpanos que a nova lei de benestar free a recuperación do can de palleiro»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

Santi M. Amil

O novo presidente do Club Can de Palleiro pide que se teña en conta aos criadores que son esporádicos desta raza

01 ene 2024 . Actualizado a las 11:07 h.

Daniel Conde Ojea presidirá nos próximos catro anos o Club Can de Palleiro, unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo asegurar o crecemento e a consolidación desta raza canina autóctona que estivo en serio risco de extinción. A entidade botou a andar no 2002 e no pasado ano rexistrou Daniel, que se uniu á asociación vai para sete anos, ao seu exemplar, Quin. O novo responsable do colectivo pensa que aínda queda moito por facer para que se coñezan todas as virtudes destes animais e que volvan ter o lugar que lles corresponde no mundo rural galego.

—¿Que pasou para que esta raza chegara ao borde da extinción?

—Empezaron a desaparecer das aldeas a finais da década dos 50 do pasado século coa introdución doutras razas. Esa mentalidade que, por desgraza, temos moi arraigada de que todo o que ven de afora é mellor que o de aquí, fixo moito dano. Empezáronse a introducir o pastor alemán o pastor belga e incluso o border collie e o noso can de palleiro foise arrinconando porque o relegaron das súas labores. O can de palleiro é un excelente pastor tanto para ovella como para vaca tal e como estamos demostrando cos estudios que imos facendo en colaboración con outras entidades como a Facultade de Veterinaria. Estase comprobando que as características e condicións dese can son moi superiores a de outras razas que o substituíron. É un can moi versátil e moi equilibrado. As probas de comportamento son excelentes e, de feito, grazas a un deses estudos que se fixeron a Fundación ONCE púxose en contacto con nós e veu buscar tres exemplares para o centro que teñen en Madrid para educalos para traballar con persoas cegas. E se todo vai ben, moi pronto xa teremos ao primeiro titulado. E tamén viñeron da Garda Civil para ver cómo encaixa na busca de persoas en grandes áreas, nas que se cansan menos que outras razas.

 —Cantos exemplares hai hoxe

—O censo debe andar polos 2.800 exemplares. A recuperación empezou a finais da década dos 90 e nese momento estaba practicamente extinguido. O ano pasado houbo trinta camadas aproximadamente.

—¿Controlan a cría?

—Si porque para nós é moi importante o benestar dos animais e de feito visitamos tódalas camadas antes de dous meses e facemos un informe. Queremos o benestar da raza e non que isto se converta nun mercadeo. Cando nós falamos da cría e de sacar camadas non estamos a referirnos a unha actividade en intensivo, senón esporádica, tradicional e non profesional. De feito, aínda que nos estatutos non permitimos que as cadelas teñan máis de catro camadas e os machos cinco, a maioría dos nosos criadores sacan unha. Téñena porque lles gusta o seu animal e queren ter outra xeración para quedar eles cun exemplar que substitúa ao que teñen cando chegue o momento, e o que entregan as persoas interesadas en ter un son os irmáns da camada.

—Hai interese por estes animais fora do ámbito galego

—Cada vez máis. Temos socios por toda España e incluso algúns no estranxeiro, aínda que maioritariamente son galegos. O xérmolo foi na zona de Ferrolterra e precisamente onde máis cans de palleiro hai a día de hoxe é na provincia de A Coruña seguida de Lugo.

—¿Cal é o principal obxectivo co que arranca o seu mandato?

—Agora temos un problema coa nova lei de benestar animal, que ben estando de acordo co fondo, pero que precisa dun regulamento que teña en conta precisamente a singularidade deste tipo de animais en canto a cría. Nós estamos completamente a favor de que exista unha regulación. É necesaria e todos vemos a problemática que hai na cría de moitos animais, incluso dos cans.

—Confía en que se contemple esa singularidade para razas en risco como pode ser esta?

—Eso esperamos. Presentamos alegacións e estamos traballando coa Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, que é quen terá que negociar co Ministerio, para ver como imos facer para que se contemplen estas singularidades tanto das razas autóctonas como das que están en perigo de extinción cando se faga o regulamento que desenvolva a lei. O noso obxectivo é que ese desenvolvemento da lei se faga en base a criterios que permitan continuar coa labor de recuperación das razas autóctonas que adoitan ser as que non se crían en intensivo.

—¿Cal é o atranco principal?

—A nova lei di que para poder criar tes que darte de alta como criador oficiar e dispor de certas condicións moi concretas cumprir certos requisitos. Está pensada máis para tipo granxa. Pero iso non é asumible por persoas que non se dedican á cría de xeito, digamos, profesionalizado, senón artesanal e esporádica, coidando dos cans como membros da casa. Todos eses requisitos, que establece por exemplo pavimentar un patio de equis metros, son un pau nas rodas para a recuperación da raza pola que loitamos e se non se contemplan esas singularidades porase en risco o futuro tanto desta coma doutras. De feito xa o notamos.

—¿Como?

—Dende marzo, que se aprobou a lei o número de camadas diminuíu significativamente con respecto a o outros exercicios. Levábamos unha evolución moi boa de crecemento. Case a metade dos cans que temos rexistrados polo club naceron nos últimos catro anos.