Este martes volve «Saudade de ti»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

«Saudade de ti»
«Saudade de ti»

A aclamada serie de ficción regresa este verán a Televisión de Galicia con máis intensidade, misterio e romance que nunca

25 jun 2024 . Actualizado a las 18:18 h.

Este martes pola noite volve Saudade de ti. A serie líder de audiencia do pasado verán regresa hoxe (ás 22.45 horas) ás noites da Televisión de Galicia. A temporada anterior despediuse cun 14,4 % de cota de pantalla e 116.000 espectadores de media, que viron como Raúl sorprendía a Celia bicándose con Santi, despois de que este lle propuxese irse con el. Con todo, a doutora Eiroa elixiu quedar na súa vila, xunto ao home do que se namorou cando era unha adolescente. O enfermeiro, devastado polo rexeitamento, decide abandonar Abrente, pero un tráxico suceso obrígao a regresar antes do esperado, reavivando vellos sentimentos.

A vida en parella

Celia e Raúl, tras a súa intensa historia de amor, trasládanse a vivir xuntos a un novo fogar. Esperan que o idilio continúe, con todo, a convivencia e o día a día distan moito dos contos de fadas. As responsabilidades de Raúl coa súa filla Carmen, froito do seu anterior matrimonio con Mónica, convértense nun gran obstáculo para a súa relación. Ademais, o maior dos López de Castro ve perigar a empresa familiar, o que lle obriga a pasar máis tempo na oficina coa súa exmuller que con Celia na casa.

Unha vila en pé de guerra

Por outra parte a construción dun novo porto deportivo ten á vila dividida. Uns o apoian porque é a promesa dun futuro máis próspero para moitos negocios locais. Outros se opoñen porque cren que ameaza o seu estilo de vida tradicional. O que é innegable é que as obras comezan a afectar as vivendas de toda a zona portuaria. Debido aos problemas estruturais da súa casa, Belén e Isidro vense obrigados a pasar unha longa tempada no piso da súa filla e o seu xenro. Sumando así un novo problema á convivencia da parella, que se converterá nun auténtico pesadelo cando a casa de Isidro acabe por virse abaixo cun dos nosos protagonistas no seu interior.