Última semana para o desenlace da exitosa serie «Saudade de ti»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Os capítulos finais están cheos de sorpresas, emocións e momentos inesquecibles

08 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As emisións de Saudade de ti desta semana en Televisión de Galicia alcanzaron o 11,8 % de cota de pantalla, certificando o fenómeno que supuxo esta ficción durante os últimos veráns. Os capítulos do vindeiro martes e mércores serán o clímax perfecto para poñer fin a unha temporada que estivo chea de romances, vinganzas e segredos familiares. Tódalas tramas que mantiveron intrigados aos espectadores terán a súa resolución ao chegar ao capítulo 180.º.

Campás de voda

A historia de amor entre Isidro e Belén foi unha viaxe chea de desafíos e momentos emotivos. Tras superar un coma e a posterior perda de memoria, Isidro loitou incansablemente por recuperar o seu fogar e a súa vida xunto a Belén. A decisión de Isidro de deixar atrás o pasado e enfocarse no seu futuro culmina cunha petición de man. A voda promete ser o evento do ano en Abrente e esa cerimonia sería o broche de ouro para que Isidro e Belén se xurasen amor eterno. Con todo, aínda hai tempo para que se revelen novos segredos que poden poñer en perigo o matrimonio.

Do amor soñado á realidade

Raúl e Celia afrontaron innumerables desafíos durante a súa convivencia, desde a crianza conxunta de Carmen ata a loita contra as adversidades familiares. As intromisións de Adela na súa relación sentimental, que mesmo chegou a empregar a baza da súa enfermidade, pasaron factura á parella. É o momento de que Raúl tome unha decisión. Terá que elixir entre un futuro profesional na empresa da súa familia ou apostalo todo para tratar de recuperar a Celia, o amor da súa vida.

Sentimentos encontrados

A chegada a Abrente de Chelo, a nai de Santi, supuxo un punto de inflexión para a relación entre o seu fillo e Celia. Despois de enfrontarse xuntas a unha intoxicación dos veciños, a doutora Eiroa logrou o recoñecemento e o apoio da nai do enfermeiro. A mediación de Chelo, convertida en toda unha Celestina moderna, serviu para que seu fillo e Celia se reconciliasen. Con todo, Santi non pode quitar de enriba a sensación de ser a segunda opción da doutora Eiroa, algo que lle provoca un profundo malestar. Fará esta incomodidade que Santi renuncie a ter un futuro xunto á muller de quen está namorado? Poderá máis o orgullo que o amor?

A decisión de Celia

O dilema amoroso de Celia terá a súa resolución no evento ao que asiste todo Abrente: a voda entre seu pai e Belén. Deixándose guiar polos seus sentimentos, Celia terá que tomar unha decisión con tódolos seus veciños presentes, nun momento que será recordado como un dos más románticos da serie.

O amor non é suficiente

A matrimonio de Elba e Lucho non está sendo un camiño de rosas. A relación de parella púxose a proba coa aparición da nai de Lucho, que coincidiu no tempo coa necesidade de Elba de darlle a súa vida un novo rumbo profesional. A convivencia cunha enferma de alzhéimer, os desafíos que supón a adopción dun neno e as expectativas laborais de Elba van empurrar a Lucho a tomar unha difícil decisión.

O prezo da vinganza

O feito de Pedro Taboada levase a cabo a súa vinganza ata as últimas consecuencias fixo que a verdade saíse á luz. O avogado foi detido polo seu crime, pero os seus actos revelaron que Óscar era o verdadeiro pai de Mónica. Deste modo, Mónica e Natalia quedaron unidas para sempre, como fillas de Osorio. Agora as dúas irmás teñen a posibilidade de aliarse para ir contra os López de Castro. Serán capaces de manterse unidas? Quen acabará tendo o control económico de Abrente?